A serra dos Ancares é un dos lugares de Galicia que máis sorprende pola súa beleza. Está situada no leste da provincia de Lugo, e os seus principais cumios, como O Mostallar ou Tres Bispos, marcan os límites con Castela e León e Asturias.
Ao longo das máis de 50000 hectáreas, unha infinita rede de carreiros cruza profundos vales e ascende ata cumios de case 2000 metros de altura. Os Ancares ofrecen unha imaxe distinta dependendo da época do ano, do branco da neve invernal á explosión de cor e verdes na primavera ou os tons dourados e vermellos do outono.