A Costa da Morte ocupa o segmento noroeste do litoral galego, estendéndose ao longo de ducias de quilómetros, dentro dos límites da provincia da Coruña. Nesta costa, atoparemos praias desertas, enseadas e cantís. Os cabos, como o de Fisterra, Touriñán e Vilán, penetran nun océano bravío e de augas axitadas.

Todo isto forma unha paisaxe inconfundible, sinal de identidade deste lugar.

As súas aldeas convidan ao paseo tranquilo e a observar os labores dos homes e mulleres do mar. É unha terra de misterio, de lendas e mitos. A súa beleza paisaxística e o interese cultural convértena nunha zona única e de especial encanto para o visitante.

Polo seu valor ecolóxico, esta parte de Galicia alberga dous Lugares de Importancia Comunitaria (a costa da Costa da Morte case na súa totalidade e o Río Anllóns) e unha Zona de Especial Protección para as Aves (Illas Sisargas), así como unha Paisaxe Protexida (Penedos de Pasarela e Traba). Cara ao interior, a terra forma suaves outeiros, tapizados de campos de millo, pastos e forestas.

A personalidade da Costa da Morte está marcada pola súa condición de límite occidental de Europa. Desde a antigüidade, o ser humano considerou este lugar como un Finisterrae, a fin do mundo. Tras a súa chegada a este lugar, os romanos presenciaron e relataron o espectáculo do sol afundíndose no Océano Atlántico, unha escena gravada na imaxinación colectiva dos antigos desde tempos moi remotos.

É unha zona rica en mostras de cultura prehistórica. A visita ao dolmen de Dombate ou ao castro de Borneiro, enclaves de gran valor, faranos recuar miles de anos no tempo, para coñecer algo máis da vida dos nosos devanceiros. Coa chegada do cristianismo, moitos dos lugares sagrados dos primeiros poboadores destas terras foron adepatados ás novas crenzas.

Mesmo nas celebracións relixiosas de hoxe en día, é posible percibir o alento ancestral panteísta e pagán que as anima. No santuario da Virxe da Barca, en Muxía, reúnense cada ano milleiros de fieis nunha das romarías máis importantes de Galicia.

Fronte a estas terras navega unha boa parte do tráfico marítimo do Atlántico Norte. Se temos en conta que a liña da costa é moi recortada e que as tormentas e temporais son habituais durante os meses de inverno, comprenderemos por que a Costa da Morte foi escenario de multitude de naufraxios. Fronte ao mar é posible ver cruces que lembran as súas vítimas. O cemiterio dos Ingleses debe o seu nome aos numerosos afogados que causou o afundimento do buque inglés Serpent en 1880.

A forma de vida dos habitantes da Costa da Morte está estreitamente ligada ao mar. A súa economía baséase na pesca e no marisqueo. Unha das imaxes máis representativas desta zona é a do traballo dos percebeiros, que saltan de rocha en rocha esquivando os golpes de mar. Como non podía ser doutro xeito, a gastronomía destes lugares saca partido da gran calidade e variedade dos seus peixes e mariscos.

A Costa da Morte mantén as tradicións dos seus antigos oficios e labores de artesanía. O encaixe de palillos, sobre todo o de Camariñas, mais tamén o doutras localidades, recibiu mostras de recoñecemento a nivel internacional. Por outra banda, Buño é famoso xa desde hai séculos pola súa actividade oleira.

Percorrido

Propomos unha ruta de dificultade baixa. Coa axuda dun vehículo, realizamos percorridos curtos a pé aptos para todos os públicos e ideais para realizar en familia. A duración aproximada é de tres días. A distribución de tempos debe ser tomada a modo de exemplo, xa que cada persoa pode variala en función das súas preferencias.

Día 1º

Propoñemos unha ruta de dificultade baixa. Coa axuda dun vehículo, realizamos percorridos curtos a pé aptos para todos os públicos e ideais para realizar en familia. A duración aproximada é de tres días. A distribución de tempos debe ser tomada a modo de exemplo, xa que cada persoa pode variala en función das súas preferencias

No primeiro día da nosa viaxe partimos de Buño, poboación de recoñecida tradición oleira. Os visitantes non deberían perder a oportunidade de adquirir unha peza da súa cerámica. Os establecementos de venda adoitan ser, ao mesmo tempo, obradoiros, de forma que poderemos presenciar en vivo o traballo dos oleiros.

Deixamos Buño e saímos en dirección a Malpica. Á altura de Filgueira, collemos a vía de servizo para ir dirección ao cámping e achegarnos ao dolmen Pedra da Arca, un dos monumentos megalíticos que atoparemos na comarca.

Ao chegar a Malpica de Bergantiños, dirixímonos ao porto, un bo lugar para respirar o ambiente mariñeiro e observar a curiosa morfoloxía do núcleo de poboación. As casas están penduradas das rochas, con vistas cara ao peirao e ás augas do Atlántico. Despois dun agradable paseo polas rúas próximas, dirixirémonos cara á parte alta ata o miradoiro, dende o que gozamos dunhas boas vistas do litoral bergantiñán.

Abandonamos Malpica e seguimos o noso camiño para achegarnos ao cabo San Adrián, situado a escasos 4 km. Nas súas inmediacións atópase o santuario de San Adrián do Mar. Cada mes de xuño, este enclave é escenario dunha romaría celebrada con gran devoción. A ela acoden incontables romeiros para solicitar ou, no seu caso, agradecer os favores do santo. O santuario constitúe un privilexiado miradoiro natural sobre Malpica e as Illas Sisargas, situadas xusto diante.

Regresamos a Malpica e dirixímonos cara a Ponteceso, localidade situada a 13,2 km. Transitaremos por unha estrada local que percorre as localidades de Beo, Mens, Cores e Nemeño. En Mens debemos deternos para ver o antigo castelo do mesmo nome. As Torres de Mens, que así se lle chama á fortaleza, foron construídas no século XIV e restauradas conservando gran parte da súa estrutura orixinal. O castelo está visible desde a estrada e non se permiten visitas do público, ao se tratar dunha propiedade privada. Pódese visitar a igrexa románica de Santiago, do século XII e ábsida poligonal próxima á torre.

Minutos máis tarde chegamos a Ponteceso, berce do grande escritor galego Eduardo Pondal, un dos personaxes chave do Rexurdimento (renacemento da cultura e das letras galegas durante o século XIX) e autor da letra do himno galego. Para aqueles amantes do sendeirismo, o PR-G 148 é unha ruta circular que nos leva dende esta localidade ata ao Porto de Corme. Se non queremos facer esta camiñada podemos continuar en coche pola AC-424 e desviarnos en dirección á fermosa praia de Balarés, despois de ternos achegado ao Monte Branco, o accidente xeográfico máis emblemático desta comarca. Desde a cima poderemos gozar dunha espectacular perspectiva sobre o estuario que forma o río Anllóns no seu encontro co mar. É este un espazo natural que dá vida a numerosas especies, tanto vexetais como animais. Dende o miradoiro divísase Laxe, O Porto de Corme, Cabana de Bergantiños e mesmo Ponteceso.

Volvendo á estrada AC-424, dirixímonos cara a Corme. Collemos o desvío sinalizado para Niñóns para achegarnos á capela da Virxe do Faro. Desde este punto, teremos unha vista inmellorable para toda a liña de costa. Moi preto da capela atópase un gran monumento a modo de faro. Regresamos á estrada pola que viñamos de Ponteceso e nos achegamos ao porto de Corme, outra das típicas vilas mariñeiras destas terras. A pouca distancia, internándose nas perigosas augas do océano Atlántico, atópase a Punta do Roncudo. Os percebes que nacen sobre as súas rochas son considerados dos mellores de toda a costa galega. Ademais do seu excepcional froito, os cantís do Roncudo son tamén coñecidos polo seu perigo. Moitos percebeiros atoparon a morte neste agreste cabo. En memoria destas persoas, co paso dos anos foron levantándose numerosas cruces sobre as rochas.

De regreso a Ponteceso, aínda podemos facer un pequeno desvío para coñecer a Pedra da Serpe, onde se mestura o petróglifo que consiste nunha serpe e un cruceiro, onde se mestura a relixión cristiá e as pegadas de épocas anteriores.

Desde Ponteceso dirección Laxe, desviámonos no lugar das Grelas para achegarnos ao castro da Cibdá de Borneiro e ao famoso dolmen de Dombate, dous conxuntos arqueolóxicos que figuran entre os más valiosos de Galicia. Este último, situado a poucos metros da estrada, foi protexido cun atractivo edificio de madeira e cristal que axuda a unha mellor conservación e visualización do monumento, así como un centro de interpretación para unha mellor comprensión da cultura megalítica na Costa da Morte.

Dende Borneiro temos a opción de achegarnos a Baio e seguir cara a Carballo para visitar as Torres do Allo. Un pazo do século XVI que alberga un centro de interpretación sobre o propio conxunto e a Costa da Morte. Non hai que esquecer o pombal e a fonte, próximos ao pazo, e a igrexa de San Pedro, un curioso camposanto e tres hórreos coa tipoloxía construtiva da zona. Tamén podemos optar por continuar en dirección a Vimianzo dende Baio para visitar os Batáns do Mosquetín, un interesante conxunto etnográfico formado por varios mazos.

Volvemos sobre os nosos pasos ata o cruce das Grelas, desde onde nos diriximos a Laxe. Esta vila mariñeira ofrece unha fermosa praia de augas tranquilas, perfecta para o baño dos máis pequenos. O longo areal de case un quilómetro e medio chega ate o mesmo centro da vila. Respecto ao seu patrimonio cultural, conta cunha igrexa con trazas románicas, Santa María da Atalaia, e cunha capela en honor a Santa Rosa de Lima situada no cumio dun monte, dende a que hai unhas boas vistas da entrada da ría, como tamén as hai dende o faro de Laxe, ao que se accede cruzando a vila e deixando á esquerda a chamada praia dos Cristais.

Se aínda tendes tempo, podedes mesmo achegarvos a pé ata a fermosa praia salvaxe de Soesto, xa que dista apenas quilómetro e medio da vila.

En Laxe, localidade que ofrece diversas opcións de aloxamento, rematamos esta primeira xornada pola Costa da Morte.

Día 2º

Neste segundo día saímos de Laxe en dirección á Ponte do Porto, desviándonos a uns 6 km cara a igrexa de Santiago de Traba e a lagoa de Traba. Esta última, de tipo litoral e cun punto de saída cara ao mar, acubilla nas súas dunas numerosas especies de flora e fauna.

Retomando a estrada pola que viñamos seguimos en dirección á Ponte do Porto. Nesta localidade cruzaremos o río Grande para achegarnos ao Porto de Cereixo e visitar o conxunto das Torres de Cereixo e a igrexa de Santiago, construída no século XII.

A continuación dende A Ponte do Porto iremos ata Camelle, pequena poboación situada a uns 6 km. Alí atópase a denominada Casa-Museo de Man. Manfred foi un alemán que viviu durante décadas en plena sintonía coa natureza galega. A carón do mar, foi reunindo esculturas realizadas por el mesmo a partir de diversos materiais, dispostas en todo tipo de formas e pintadas doutras tantas cores.

A partir deste punto, temos dúas opcións. A primeira delas é volver á Ponte do Porto e desde alí dirixírmonos a Camariñas e Cabo Vilán. A segunda é percorrer uns 20 km, bordeando a costa pola aldea de Arou, e a partir de Santa Mariña continuar por unha pista de terra que nos conducirá ao Cabo Vilán e despois a Camariñas. Este último traxecto só se poderá realizar se dispoñemos dun vehículo axeitado, xa que poder ter atrancos en función do estado da pista de terra por mor da climatoloxía. Un todoterreo é a opción máis recomendable. De nos decidir por esta segunda posibilidade, poderemos visitar a enseada de Trece co cemiterio dos Ingleses e o Foxo do Lobo, antes de chegar ao Cabo Vilán e gozar dunhas magníficas vistas da costa.

Sexa como fose, faremos parada en Camariñas. Esta localidade é berce do prestixioso encaixe de palillos, realizado desde hai séculos polas palilleiras locais. Alén do valor das pezas, asistir ao traballo das artesás e ver os seus dedos manexar habilmente os fíos ao ritmo do seu son característico é un espectáculo en si mesmo. Podemos ampliar información e coñecer máis desta artesanía no Museo do Encaixe, situado na vila, ou, se coincide que estamos na Semana Santa, poderemos gozar da súa Mostra do Encaixe.

Para os máis camiñantes, recomendamos un pequeno paseo polo treito de litoral que vai dende o porto ata á ermida da Virxe do Monte, gozando das vistas da ría, con Muxía e o Santuario da Barca no horizonte, cara ao sur, e o cabo Vilán cara ao norte.

En Camariñas rematamos esta segunda xornada. Alí onde podemos atopar distintos establecementos para pasar a noite.

Día 3º

Para comezar o noso terceiro día na Costa da Morte sairemos de Camariñas e dirixirémonos cara á Ponte do Porto e desde este punto, tras percorrer 9,7 km, chegaremos a Vimianzo. Nesta localidade poderemos ver o castelo ou Torres de Vimianzo no que coñecer a súa historia e a da comarca, así como mostras en vivo de artesanía.

O noso seguinte destino é Muxía. Dende Vimianzo collemos dirección Cee e ao chegar a Berdoias, desviámonos pola AC-440. Antes de chegar a Muxía pasamos polo lugar de Ozón, que forma parte do Camiño de Santiago. A reitoral da igrexa románica de San Martiño de Ozón conta co hórreo máis longo da zona, só superado en toda Galicia polos do Araño, Lira e Carnota.

Deixando atrás Ozón atopámonos coa igrexa e a reitoral de San Xulián de Moraime, construída sobre os restos dun antigo mosteiro. Paga a pena deterse nas portadas románicas do templo e visitar o seu interior.

De contado chegamos a Muxía, onde se atopa a igrexa románica de Santa María. Dende aquí podemos ir a pé ata o lugar máis visitado: o santuario da Virxe da Barca e as famosas pedras milagreiras, fronte ao océano Atlántico. A poucos metros está a escultura “A Ferida” que lembra o desastre ecolóxico do Prestige acontecido en 2002. Muxía e Camariñas son as dúas vilas “palilleiras” da Costa da Morte.

Para continuar a ruta, nos Muíños collemos á estrada sinalizada para ir a Corcubión, a nosa seguinte parada. A uns 12 km batemos coa estrada AC-552, pola que chegamos de contado a esta vila, cruzando antes Cee. Entre os atractivos da localidade figuran a igrexa parroquial de San Marcos, o castelo do Cardeal e o Pazo dos Condes de Altamira.

De Corcubión dirixirémonos a Fisterra, percorrendo 11,8 km pola AC-445. Recibe este nome do latín finis terrae -fin da terra-, xa que na antigüidade considerábase que a partir de aquí só había mar, que remataba nunha inmensa fervenza ao crer que a terra era plana. Foron os romanos os que lle deron nome e os que levantaron o ara solis ou altar do sol. A imaxe do sol ao poñerse sobre as augas do océano Atlántico aterraba e fascinaba por igual a toda persoa que se achegara a este extremo occidental do continente. Certamente, os rochosos cantís que rodean Fisterra, en loita constante coas augas do océano, non facían senón contribuír a alimentar a aura lendaria deste lugar. No cabo, a uns 3 km da vila, está o faro. Estamos no mítico lugar ao que chegaban os peregrinos que viñan polo Camiño de Santiago, de feito, quen chega a pé ata aquí recibe unha certificación chamada “Fisterrana”.

Nesta localidade podemos coñecer tamén o Santo Cristo de Fisterra, imaxe que se encontra na igrexa de Santa María das Areas, construída no século XII. Esta igrexa atópase á dereita da estrada, xusto onde comeza a subida ao faro.

Poderemos deternos tamén no porto da vila e dar un pequeno paseo ata o castelo de San Carlos. Tampouco debemos pasar por alto as numerosas e atractivas praias existentes na zona, como Mar de Fóra, Langosteira, O Rostro etc.

Na localidade de Fisterra damos por finalizada a nosa ruta pola Costa da Morte.

Arriba