Camiño de Santiago
Natureza
Cultura e Patrimonio
Mar e Costa
Rutas
Gastronomía
Turismo de Saúde
Promocións para disfrutar agora
Axenda cultural
Vai pasar... Ver todos
A MIÑA VIAXE
As serras do Suído e do Cando conforman o sector meridional da denominada Dorsal Galega, sistema montañoso que atravesa o centro de Galicia con disposición norte-sur. Cunha posición privilexiada, a medio camiño entre o Ribeiro e as Rías Baixas, estas montañas sorprenden pola súa paisaxe, patrimonio singular e contactos culturais con América, froito dos procesos migratorios.
Avión é unha pequena vila en tamaño pero de resonancia en Galicia. Historicamente as xentes destes vales entre montañas procuraron un mellor futuro na emigración, fundamentalmente en México. A colonia galega do outro lado do Atlántico prosegue cos descendentes dos que partiron e, a día de hoxe, xeran un interesante fluxo cultural e económico que a converten nun lugar singular, con influenzas arquitectónicas, gastronómicas e mesmo lingüísticas de procedencia americana.
Partindo desta pequena vila de Avión, comezamos o percorrido que nos irá levando entre carballeiras e aldeas, unha paisaxe representativa do interior galego. Tras unha serie de desvíos en Abelenda, a chegada a Rodeiro marca o inicio do ascenso á serra do Suído.
O Coto dos Xarotos é un porto de montaña que supera os 1000 metros de altitude. Destaca polas súas costeiras ramplas, especialmente no tramo coñecido como Outeiro Malato con múltiples curvas de ferradura. Xa no curuto, o parque eólico marca o punto alto da serra.
As peculiaridades climáticas das serras do Suído e O Cando teñen explicación pola súa localización xeográfica, sendo o primeiro cordal montañoso que atopan as frontes atlánticas que penetran polas rías e vales fluviais até bater con estas paredes, o que convirte a esta zona na de máis elevada pluviosidade de Galicia. Estas condicións xeran un hábitat no que predominan os afloramentos rochosos e as matogueiras nas zonas de maior altitude, brañas e zonas húmidas nas chairas, fragas e bosques autóctonos nas ladeiras e numerosos cursos fluviais. Ríos medios como o Avia, Verdugo, Oitavén ou Tea nacen nestas serras.
As terras do Suído sufriron constantes migracións cara a América. Frecuentemente o destino elixido era o dos predecesores de cada aldea ou parroquia. En Avión (zona ourensá), por exemplo, emigraron maioritariamente a México, mentres que na Lama (zona pontevedresa) tivo maior peso Brasil. Froito destes movementos de poboación, podemos hoxe observar a presenza dunha arquitectura de trazas foráneas, as casas de indianos.
Baixando do Suído por terras da Lama, a chegada á capela e carballeira das Ermidas supón un cambio de rumbo indo agora cara ao norte en dirección á serra do Cando. A sucesión de aldeas de arquitectura tradicional condúcenos polo val do río Verdugo até a Barcia do Seixo.
Dende aquí o ascenso esixe precaución ao tratarse dun camiño de terra. O pequeno esforzo paga a pena por todo o que imos atopar na cima: a montaña máxica.
A carballeira dos Prados é un espazo de bosque autóctono moi ben conservado localizado entre as aldeas de Pigarzos e A Grifa, no concello da Lama.
O río da Xesta artella o espazo recibindo neste punto as achegas de diversos regos como o Batán, o Corcovada ou Xubancas. Isto configura un hábitat de abondosa auga que se complementa con mestas carballeiras, entre as que se ergue a ermida dos Prados, de gran devoción na contorna.
O espazo, moi axeitado para o paseo e o descanso, é o punto de partida dun percorrido que sube ao alto do Suído, na procura dun vello, e ben conservado, foxo de lobo, construcións utilizadas antigamente para a captura destes animais.
A serra do Cando conta con numerosos elementos de interese, ecolóxicos, paisaxísticos e estéticos, pero acada unha gran singularidade pola forza telúrica do monte do Seixo, montaña considerada como máxica pola tradición da zona. A cruz do Seixo preside a entrada na serra. A partir dela aparecen rochas de curiosas formas e profundos significados: Portalén coa súa disposición en forma de porta habilita un paso cara o máis alá, a porta do alén, permitíndonos introducirnos no mundo dos mortos. Esta porta ábrese unha vez ao ano, o día 1 de novembro, día de defuntos. Cómpre atravesala de norte e a sur e sobre todo retornar á inversa dado que, segundo a lenda, corremos o risco de quedar atrapados no mundo dos mortos. O Marco do Vento é unha descomunal rocha granítica de máis de cinco metros de altura, disposta a modo de pedra fita como un gran menhir. O conxunto megalítico caracteriza unha paisaxe de montaña desgastada polos ventos e a auga. A capela de Santa Mariña, solitaria no verdor do cordal, sacraliza un lugar de cultos remotos.
As grandiosas vistas poden gozarse dende diversos puntos da serra debido á súa disposición, pero acadan especial espectacularidade dende o miradoiro das Tres Rías, punto final do noso percorrido. Dende aquí entre muíños eólicos e gando, pódense enxergar ao lonxe as rías de Arousa, Pontevedra e Vigo, distinguindo (en días claros) como a ponte de Rande ou as illas Cíes.
As néboas e a humidade forman parte do encanto do Suído, xunto coas texturas da vexetación propia de montaña e a presenza de gando en liberdade. A conxunción de elementos fan deste espazo un lugar moi representativo das serras medias galegas.
A humidade das zonas altas garante a presenza de pastos de montaña, razón pola que historicamente sempre houbo pastoreo e gandería extensiva.
Este aproveitamento da serra levou á construción dos chozos, edificacións sinxelas e xeralmente de pequeno tamaño con paredes a base de cachotería de granito e teitos de laxas. A súa utilidade era dar acubillo tanto a pastores como ao gando, que contaba con cortellos propios. Son frecuentes tamén os peches de lousa delimitando o espazo de pastoreo de cada familia e os curros e sesteiros para acomodar o gando.
Este portal emprega cookies propias ou de terceiros con fins analíticos, así como ligazóns a portais de terceiros para poder compartir contido nas redes sociais. Pode obter máis información na política de cookies.
Configuración de cookies
Pode empregar estes botóns para personalizar os servizos que desexa utilizar neste portal.
Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.