Camiño de Santiago
Natureza
Cultura e Patrimonio
Mar e Costa
Rutas
Gastronomía
Turismo de Saúde
Promocións para disfrutar agora
Axenda cultural
Vai pasar... Ver todos
A MIÑA VIAXE
A Ribeira Sacra é unha das paisaxes con máis carácter de Galicia. A particularidade xeográfica que supón o Canón do río Sil leva asociada unha singularidade climática que outorga relevancia aos viñedos e fragas. A presenza dun riquísimo patrimonio completa un conxunto no que a calidade é o denominador común, aplicado aos caldos, á arquitectura relixiosa ou á paisaxe mesma.
Monforte de Lemos é vila referencial dende hai séculos. Asentada nas ribeiras do río Cabe, ten unha posición central no produtivo val de Lemos. Funcionalmente realiza un papel propio dunha cidade, equidistante entre Lugo, Ourense e Ponferrada, sendo un nó básico nas comunicacións, especialmente nas ferroviarias.
Considerada capital da Ribeira Sacra, a súa monumentalidade ten como máximo expoñente a Torre da Homenaxe do castelo dos Condes de Lemos, señores nobres destas terras e condado de grande relevancia no devir político e histórico de Galicia. A monumental estrutura de trinta metros de altura foi construída entre os séculos XIII e XIV e, en conxunto coa muralla medieval, declarouse Ben de Interese Cultural no ano 1994.
Doade é un dos centros da viticultura da zona. Pasando a aldea, ábrese ante nós unha espectacular perspectiva do río Sil. Benvidos á Ribeira Sacra en todo o seu esplendor.
Descendendo entre viñedos podemos facer un descanso no miradoiro de Souto Chao, para continuar despois ata o embarcadoiro de Doade, onde se pode subir a bordo dun catamarán para navegar polo río. A ponte une as provincias de Lugo e Ourense e dende aquí comeza unha forte subida que nos levará a recuperar todo o descenso anterior.
O miradoiro de Souto Chao (Doade, Sober) sitúase nun promontorio en pleno Canón do Sil. Os fortes desniveis non impiden a presenza de vides, procurando sempre a orientación que ofrece maiores horas de sol e aproveitando as suaves condicións climáticas. Na ladeira oposta, mestas fragas cobren grandes superficies.
Dende Souto Chao, apreciase tamén a grandeza do Canón do Sil. Producido en orixe por unha fractura tectónica, foi a posterior erosión fluvial a que lle deu o aspecto actual. A acción humana foi modelando os usos do solo, outorgando unhas texturas que converten a esta escena paisaxística nunha auténtica experiencia para o sentidos.
Castro Caldelas aférrase ao seu outeiro, contemplando a inmensidade dende o seu castelo. De orixe incerta, sábese que pertenceu á Casa de Lemos e foi declarado Ben de Interese Cultural no ano 1994. A coidada vila conta coa consideración de Conxunto Histórico-Artístico.
De camiño a Cristosende, xa na Teixeira, o miradoiro da Galeana anuncia o que virá despois: os canóns dos ríos Mao e Sil.
Cristosende é exemplo de aldea asentada en "bocarribeira": concepto definido por Otero Pedrayo, no que a aldea se sitúa na zona chaira superior, en contacto co borde do val, quedando os cultivos nas ladeiras sendo necesaria a creación de bancais para gañar terreo cultivable.
A viticultura heroica fai referencia aos labores vinícolas desenvolvidos en pendentes que chegan a acadar o 70% de desnivel. Nalgunhas viñas instálanse raís (polos que soben as uvas en vagonetas motorizadas) para evitar a pendente e mesmo existen parcelas ás que so é posible acceder en barco, sucando as augas do río Sil. Por todo isto, a vendima na zona pode resultar unha tarefa heroica.
Unha nova baixada, con amplas vistas sobre o Sil, leva á Fábrica da Luz, ao pé do río Mao e da súa insólita pasarela, que nos permitirá camiñar entre as copas das árbores.
O percorrido segue polo Canón do Sil, pasando por aldeas entre soutos e viñedos: Barxacova, Sacardebois, Purdeus… até chegar a Parada de Sil. Un desvío no itinerario permite a visita aos Balcóns de Madrid, un dos puntos máis populares da Ribeira Sacra pola perspectiva frontal da paredes do Canón do Sil.
Malia todo o que levamos visto, o miradoiro de Cabezoá ten aínda a capacidade de sorprendernos. Situado nunha forte caída cara o Sil, conta cunha plataforma metálica que permite unha privilexiada ollada ao meandro do río, no que o canón se mostra con toda a súa espectacularidade.
O punto final deste itinerario é o mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil (Nogueira de Ramuín). Orixinario da época medieval, séculos VI-VII, posúe tres claustros de cadanseu estilo arquitectónico: románico, barroco e renacentista. Declarado Monumento Histórico-Artístico no 1923, ten consideración de Ben de Interese Cultural desde 1985. O cenobio ocúltase entre os vigorosos castiñeiros de frondosos soutos, tan representativos da Ribeira Sacra.
O río Mao é un irmán pequeno do río Sil, que conta tamén cun fermoso canón, paredes abruptas e vexetación sobranceira. Ao igual que sucede co Sil, a forza do Mao foi aproveitada para a produción de enerxía eléctrica, sendo un dos primeiros ríos galego en ter este aproveitamento.
A Fábrica da Luz é unha vella central hidroeléctrica construída no 1914 que, no ano 2011, foi reformulada como albergue turístico, local de usos múltiples e centro de formación ambiental e turismo activo. A súa perfecta integración na contorna exemplifica a posta en valor do patrimonio industrial, sendo consecuente coa contorna natural na que se insire.
Dende a propia fábrica, parte un sendeiro que pronto se converte en pasarela e que transcorre elevado pola marxe esquerda do Mao até o seu encontro co Sil, á altura da aldea de Barxacova. O microclima da zona permite a presenza de fraga atlántica e de especies de matiz mediterráneo como érbedos ou aciñeiras.
Este portal utiliza cookies propias de tipo técnico e de terceiros para mellorar, mediante a análise da navegación, o servizo ofrecido. As cookies non se utilizan para recoller datos persoais. Coñeza como as usamos e de que maneira pode cambiar a súa configuración
Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.