Camiño de Santiago
Natureza
Cultura e Patrimonio
Mar e Costa
Rutas
Gastronomía
Turismo de Saúde
Promocións para disfrutar agora
Axenda cultural
Vai pasar... Ver todos
A MIÑA VIAXE
As comarcas centrais de Galicia presentan un rico legado de valores naturais e patrimoniais. Comarcas gandeiras que manteñen unha paisaxe ben conservada, sucesións de vales que conviven con áreas de media montaña como a serra do Candán e feiticeiros mosteiros que nos levan a outras épocas.
A Galicia Central pode presumir de contar con abondosas áreas de paisaxes tradicionais ben conservadas. A orientación gandeira de comarcas como Tabeirós- Terra de Montes e Deza levou a conformar un territorio que combina amplas zonas de pastos nos vales con superficies de arboredos e de matogueira nas serras.
A posición central en Galicia motivou, dende o medievo, a presenza de activos mosteiros que actuaban como centros relixiosos, produtivos e xurisdicionais, con salientables exemplos como Aciveiro e Carboeiro.
Aciveiro localízase no concello de Forcarei, aos pés da vertente oeste da serra do Candán. Lugar fermoso e frío, o mosteiro de Santa María de Aciveiro acomódase nunha volta do río Lérez, aínda pequeno neste curso alto. A soidade do lugar pareceu apropiada para a fundación como mosteiro bieito no século XII, pasando á Orde do Císter no século XIII. O seu poder residía en amplos dominios territoriais, exercendo xurisdición no centro de Galicia.
O conxunto arquitectónico foi obxecto de importantes reformas e cambios. A igrexa de santa María, posiblemente inspirada na catedral de Santiago, é un dos grandes exemplos do prolífico románico pontevedrés, exceptuando a fachada que foi totalmente remodelada.
Dende Aciveiro comeza o ascenso ao porto do Candán, suave dende esta vertente. As paisaxes de serra con rochedos e matogueiras combínanse con pastos de montaña, nunhas altitudes que bordean os 1000 metros e nas que a neve soe facer acto de presenza no inverno.
A serra do Candán é un espazo singular e protexido como Zona Especial de Conservación dende o ano 2014, Lugar de Interese Comunitario dende 2004 e forma parte da Rede Natura 2000.
As "neveiras" do Candán son pozos de neve do século XVII escavados no solo e con perímetro construído en pedra. O mosteiro de Aciveiro explotaba o comercio de xeo, fundamentalmente con Santiago de Compostela, polo que a neve era almacenada na profundidade para manter temperaturas baixo cero e logo ser utilizada para a conservación de alimentos.
O porto do Candán (854 m) marca a división entre Forcarei e Silleda, deixando Tabeirós–Terra de Montes e entrando no Deza. O cambio de vertente ofrece unha ampla perspectiva da comarca do Deza. A baixada é un miradoiro continuo sobre o verde val. A chegada a Laro marca o fin do descenso e o desvío cara a Silleda comezando un tramo entre prados e carballeiras moi representativo destes vales.
Silleda é un núcleo relevante en plena Vía da Prata. As instalacións feirais da Semana Verde de Galicia, con diversas actividades expositivas ao longo do ano, outorgan dinamismo a esta vila na que a parada é obrigada para degustar os seus famosos melindres. Recomendable é tamén a visita aos castros dos arredores como Toiriz (anexo ao casco urbano) e a Copa do Castro (a carón da fermosa igrexa románica de San Mamede).
O mosteiro de Carboeiro agóchase nunha frondosa fraga, perfectamente integrado nun meandro do río Deza. Fundado no século X como mosteiro bieito é unha das obras máis representativas do románico galego, con trazos de transición ao gótico. A súa localización nunha paraxe afastada e abrupta trasládanos a épocas pretéritas, poñendo fin a este itinerario.
Carboeiro presenta un bo equilibrio entre natureza e patrimonio. Á relevancia histórica do mosteiro cómpre engadir outros valores, que o converten nun lugar máxico.
O río Deza transcorre por un val profundo que xera un microclima no que abondan especies de ambiente mediterráneo como érbedos (Arbutus unedo) e sobreiras (Quercus suber). A recente creación dunha senda botánica de baixa dificultade e gran interese, permítenos coñecer os nomes dun importante número de especies arbóreas.
Próxima ao mosteiro, a ponte do Demo, de orixe medieval, permite cruzar sobre as augas do río. A súa denominación fai referencia á lenda que asegura que o mosteiro foi edificado por un pacto entre os monxes e o propio demo. As historias de atracos e outros sucesos acaecidas na contorna da ponte reforzaron a teoría, e o nome pasou a ser de uso común. En verbas de Antonio de Valenzuela: “O mosteiro de Carboeiro non di nada, xa o ten todo dito. Agacha a pureza das súas arquivoltas románicas do século XII entre unha mesta carballeira druídica”.
O porto do Candán ofrece unha vasta perspectiva da comarca do Deza. Coas serras de Faro e Farelo ao lonxe, a amplitude de vistas permite apreciar os valores naturais, estéticos e produtivos da comarca.
O gran val do Deza, rodeado por serras e montes, constitúe unha sub-conca hídrica propia que forma parte da vertente do río Ulla. Ríos de tamaño medio, como o Arnego ou o Asneiro, sucan o territorio creando unha densa rede de regos e regatos. O conxunto forma parte do Sistema fluvial Ulla-Deza, espazo natural protexido polos seus bosques de ribeira e pola acreditada presenza de peixes.
Este portal emprega cookies propias ou de terceiros con fins analíticos, así como ligazóns a portais de terceiros para poder compartir contido nas redes sociais. Pode obter máis información na política de cookies.
Configuración de cookies
Pode empregar estes botóns para personalizar os servizos que desexa utilizar neste portal.
Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.