Camiño de Santiago
Natureza
Cultura e Patrimonio
Mar e Costa
Rutas
Gastronomía
Turismo de Saúde
Promocións para disfrutar agora
Axenda cultural
Vai pasar... Ver todos
A MIÑA VIAXE
Entre A Fonsagrada e Negueira de Muñiz os vales suceden ás serras, nun continuo subir e baixar. As voltas do camiño ofrecen unha gran variedade de perspectivas ante o impoñente val do Navia, que transcorre paseniño cara a Asturias. A paisaxe de montaña contrasta cos fondos vales nos que se agochan cultivos e aldeas.
A Fonsagrada, cos seus 949 metros sobre o nivel do mar, é unha das capitais de concello localizada a maior altitude de Galicia. Á marxe da curiosidade xeográfica, esta elevación explícase pola disposición do núcleo na procura da captación do sol, nunha zona con invernos duros. Deste xeito a vila goza dunha grande amplitude de vistas e é recoñecible dende diversas localizacións da montaña luguesa.
A vila disponse configurando un casco urbano recollido e abrigado, pese á altitude, ordenándose en orixe en relación a unha antiga capela e á praza na que se sitúa a Fonte Sagrada.
As vellas terras de Burón foron, historicamente, lugar de paso como testemuña a presenza do Camiño Primitivo a Santiago. Esta variante xacobea é coñecida como Vía de Alfonso II dado que foi o itinerario seguido por este monarca asturiano que pasou ao imaxinario como o primeiro peregrino.
O butelo é o prato estrela da gastronomía fonsagradina. Embutido de carne de porco curado e afumado na propia tripa do animal. Moi popular en toda a montaña oriental galega e parte de León e Asturias, na comarca da Fonsagrada constitúe unha auténtica especialidade a degustar nos fríos días do inverno.
Saíndo da Fonsagrada cara a Asturias destaca a presenza da aldea de Paradanova, cuxo topónimo remítenos ás antigas vendas dos camiños sendo ademais descanso para peregrinos nunha función semellante á dos actuais albergues.
O tránsito cara a Fonfría permite a contemplación ao lonxe das Terras de Oscos e de grande parte do extenso concello fonsagradino (o de maior superficie de Galicia con 400 km2). O desvío cara a Liñares de Bidul introduce o percorrido en paisaxes de piñeirais e matogueiras representativos destas serras e de rechamantes coloridos estacionais.
Cara a Vilar de Cuíña, a forte pendente permite as primeiras perspectivas sobre o encaixado val do río Navia. O percorrido prosegue seguindo o curso do río, acompañándoo dende o alto, pasando pola Fornaza e por Arexo co seu impoñente miradoiro
A estrada vai baixando cara ao río Navia, coas súas augas embalsadas polo encoro de Salime, na procura de Ponte de Boabdil, único paso cara a Asturias en moitos quilómetros de río. O accidentado terreo de ladeira permite o paso por dous miradoiros habilitados, bos espazos para o lecer e a contemplación, moi preto xa de Negueira de Muñiz, un dos lugares máis singulares de Galicia. A súa capital municipal é unha fermosa aldea de arquitectura popular, integrada no medio de prados e cultivos e sempre co río Navia presente. Elemento destacado é o conxunto formado pola igrexa de San Salvador e a casa reitoral, do século XVI.
Na actualidade, o tránsito entre as ribeiras do Navia segue a realizarse mediante pequenas embarcacións que atravesan o encoro de Salime, sendo esta unha máis das singularidades destas terras que miran, en silencio, cara ao río.
Negueira de Muñiz é un dos concellos máis descoñecidos da xeografía galega en grande medida por ser o de menor número de habitantes: 215 segundo os datos oficiais do ano 2016. Concello de montaña con fortes contrastes, a súa posición periférica no oriente galego e os devires históricos foron marcando o seu carácter.
Foi o notable local Antonio Muñiz Álvarez quen promoveu a creación dun concello de seu no ano 1925, disgregándose da Fonsagrada (que á súa vez tamén tiña pertencido ao extinto Concello de Burón). A denominación actual, que inclúe o apelido Muñiz, é oficial dende 1929.
A construción da presa de Grandas de Salime ou do Gran Navia nos anos 1960 marcou a historia contemporánea. O encoro supuxo a perda de terreos agrarios, a incomunicación de diversas aldeas e un éxodo de poboación para as denominadas “colonias” da Terra Chá, Arneiro e Veiga de Pumar, creadas para acoller ao continxente migratorio negueirao.
O Foxo, unha da aldeas abandonadas, foi reocupada nos anos 70 por un grupo organizado a modo de comuna, na procura dunha vida en contacto coa natureza. A experiencia inspirou o filme "Vilamor" (Ignacio Vilar, 2012).
O miradoiro de Arexo localízase na aldea do mesmo nome, na ribeira galega do río Navia. A súa posición, cunha caída de máis de 200 metros cara ao río e fronte a un meandro, permite unha ampla perspectiva visual tanto do val do Navia como dos diversos altos da vertente asturiana (serra de Cuías e serra de Busto) e mesmo de elementos de detalle como unha alvariza que protexía as colmeas do apetito dos osos.
A principal característica paisaxística deste punto de observación é o contraste. Este ven dado por unha orografía accidentada formada por relevos de xisto e lousa e sobre todo pola forte diferenza de altitude que xera condicións bioxeográficas moi diversas.
Deste xeito, dende Arexo, poden observarse distintos tipos de vexetación e de cultivos que configuran unha paisaxe sorprendente e variada: dende as matogueiras e rochedos propios das serras próximas aos 1000 metros de altitude até os viñedos nas zonas baixas entre 200 e 400 metros, pasando polas masas de piñeirais das ladeiras.
A presenza nas zonas baixas de vides e de certa vexetación de ambientes cálidos, como pode ser a sobreira, actúan de indicador bioclimático, contrastando coas frecuentes nevaradas das serras que bordean o val do Navia.
Arexo permite a observación dende un só punto de grande parte dos valores que converten a esta comarca nun paraíso natural recoñecido con diversas figuras de protección como a ZEC Negueira ou a Reserva da Biosfera Río Eo, Oscos e Terras de Burón.
Este portal emprega cookies propias ou de terceiros con fins analíticos, así como ligazóns a portais de terceiros para poder compartir contido nas redes sociais. Pode obter máis información na política de cookies.
Configuración de cookies
Pode empregar estes botóns para personalizar os servizos que desexa utilizar neste portal.
Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.