Camiño de Santiago
Natureza
Cultura e Patrimonio
Mar e Costa
Rutas
Gastronomía
Turismo de Saúde
Promocións para disfrutar agora
Axenda cultural
Vai pasar... Ver todos
A MIÑA VIAXE
As amplas extensións dos Ancares permiten realizar un completo percorrido polos seus portos e vales. Lugar mítico da montaña galega, a súa natureza reloucante, orografía esgrevia e rico patrimonio etnográfico, fai desta comarca unha visita obrigada do oriente galego.
Os Ancares é un dos principais sistemas montañosos de Galicia. Conxunto de serras, as espectaculares paisaxes de montaña ofrecen grandiosidade e contrastan co recollemento das súas aldeas. Lugar illado, comparte serras coas zonas extremas de Asturias e León, conformando unha das rexións menos poboadas da Península Ibérica.
Navia de Suarna é o punto de partida escollido para este itinerario. A Proba de Navia é a capital deste extenso concello e tamén o principal núcleo da zona. A súa traza na ribeira do río Navia desenvolveuse na contorna da Ponte Vella, de orixe altomedieval e durante anos o único paso sobre o río en moitos quilómetros á redonda.
Seguindo o curso do Navia e da súa vexetación de ribeira, chégase ao desvío cara a Murias e Balouta, que nos afastará do val. O primeiro gran ascenso é o porto de Folgueiras de Aigas. Pasando a aldea de Munís, a serra de Larxentes amósase dura e a estrada, con bo firme, comeza a asomarse a grandes desniveis.
Camiño de Rao, o continuo subir e baixar permite fermosas perspectivas da serra. O val de Rao é un lugar perdido no tempo. Entre montañas que superan os 1000 metros, as pequenas aldeas acomódanse entre verdes prados e densa vexetación. Ao seu arredor as cortiñas e soutos remiten á economía agraria e gandeira da zona, con frecuentes invitacións a adquisición de mel e doutros produtos artesáns.
Murias é a aldea grande da zona. De singular arquitectura, o núcleo adaptase á ladeira de forma integral. Pouco despois, unha coqueta área recreativa permite descansar e gozar das vistas do seu miradoiro: unha impoñente caída sobre o río Rao que flúe fondo, encaixado.
No camiño cara a Balouta entramos en Castela e León. Pouco importa, a paisaxe non entende de lindes e mantén toda a forza. Balouta é núcleo antigo. Similar a Piornedo pola presenza de pallozas pero posiblemente menos coñecido. Ancares ten estas cousas, é tan amplo que sempre queda algo por ver.
As última casas de Balouta son o inicio das ramplas do Porto de Ancares. De firme cambiante e ascenso continuado, esta subida levaranos aos 1648 metros de altitude, no límite entre Galicia e Castela e León. As vistas dende o miradoiro de Balouta pagarán a pena.
Silencio e calma.
O percorrido esixe que volvamos (brevemente) sobre o andado na procura do desvío cara a Suárbol e Piornedo. Auténtico catálogo vivo da arquitectura popular da montaña galega, Piornedo merece unha visita pausada.
En Cervantes, por Donís e Vilarello, temos algunhas das meirandes concentracións de frondosas de Galicia, un auténtico espectáculo de texturas e cores, que nos levaran á Campa da Braña, punto clave para os afeccionados ao montañismo e ao sendeirismo por ser inicio de fermosas rutas como a do Pico Tres Bispos (1794 m).
Doiras é intersección importante no noso itinerario. Un pequeno paseo permite a visita ao seu vello castelo baixomedieval, coñecido tamén como Torre da Ferrería.
A aldea de Piornedo (Donís, Cervantes) constitúe un dos exemplos mellor conservados da arquitectura popular das serras galegas.
A súa riqueza etnográfica ten o máximo expoñente nas pallozas, antigas vivendas tradicionais típicas de Ancares que contan con planta circular, muros de pedra e teito de colmo (palla). Algunha delas utilizábanse como almacén denominándose palleiros. Tamén son destacables os hórreos, cunha tipoloxía propia da zona. Unha das pallozas foi reconvertida en museo etnográfico, facendo posible a visita interpretativa.
A disposición da aldea na ladeira da montaña garante o resgardo fronte as inclemencias e permite unha perfecta integración paisaxística das edificacións nunha contorna dominada polo equilibrio natural.
As Pontes de Gatín, xa en Becerreá, supón a fin desta incursión na montaña oriental galega. De orixe antiga, a ponte daba sustento á Vía Romana XIX e conta cun miliario nun dos seus muros. Actualmente permite o tránsito peonil, deixando o tráfico rodado para unha ponte recente, nun agradable recuncho do río Navia co que rematamos a viaxe ancaresa.
A lenda da Ponte de Gatín di que dous namorados vivían en cadansúa ribeira separadas polas augas do río Navia. O demo pactou co home a creación dunha ponte a cambio de darlle a vida do seguinte nacido na aldea. O home enganou ao demo, ofrecéndolle uns gatos recén nacidos, evitando así o cruel destino para o fillo que agardaba coa súa namorada pero condenando aos gatiños. A ponte coñeceuse dende entón co nome de Gatín.
Ancares designa un conxunto de serras. É frecuente que nestes casos o nome mais coñecido se aplique por extensión a toda a formación montañosa. Ancares é unha serra e tamén un val en Candín (León), contiguo ao val de Balouta e unido a través deste porto de Ancares.
Dende a cima, temos perspectivas das dúas vertentes: Por un lado, no sector norte o miradoiro de Balouta permite amplas vistas da aldea do mesmo nome, coas súas pallozas e coidados prados. De fondo as montañas ascenden a máis de 1700 metros, xa en terras de Asturias. Cara ao sur, o val de Ancares discorre alongado acompañando, dende abaixo á serra que alberga ao Mostallar (1934 m).
O porto de Ancares foi incluído en diversas ocasións na “Vuelta Ciclista a España”.
Este portal utiliza cookies propias de tipo técnico e de terceiros para mellorar, mediante a análise da navegación, o servizo ofrecido. As cookies non se utilizan para recoller datos persoais. Coñeza como as usamos e de que maneira pode cambiar a súa configuración
Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.