Camiño de Santiago
Natureza
Cultura e Patrimonio
Mar e Costa
Rutas
Gastronomía
Turismo de Saúde
Promocións para disfrutar agora
Axenda cultural
Vai pasar... Ver todos
A MIÑA VIAXE
A zona sur oriental de Galicia é un destino de calidade. A sucesión de vales e serras marca diversos ambientes que van dende a alta montaña da contorna de Trevinca ás paisaxes vitivinícolas de Valdeorras pasando polos matices mediterráneos do Parque Natural Serra da Enciña da Lastra.
O percorrido entre A Veiga e os Penedos de Oulego supón transitar por vales e atravesar serras. A variedade paisaxística e o grande valor ecolóxico permite realizar un traxecto de enorme interese e beleza.
A Veiga é un dos concellos de maior extensión de Galicia e como tal ten moito que ofrecer. Configurado entorno ao val do río Xares, o seu territorio está cuberto por un denso manto de árbores frondosas que ofrecen unha variada paleta de cores, especialmente cando chega o outono.
O río Corzos, tributario do Xares, agocha unha pequena xoia natural moi preto da Veiga. Auga, rochas, covas e carballos conforman un labirinto no que, segundo a lenda, habitaba unha moura (persoeiro mitolóxico da tradición galega con poderes máxicos) que tiña un peite de ouro que deixaba caer para comprobar a bondade das mozas da zona: as pedras que atopamos no camiño son as mozas que colleron o peite e non llo devolveron á moura.
Os grandes ocos conformados polo penedos graníticos xeran que o río Corzos desapareza baixo delas, conformando pozas que serven de piscinas naturais. Unha das covas foi utilizada polos fuxidos na Guerra Civil polo que aínda hoxe é coñecida como A Cova dos Escapados, da que só eles coñecían o acceso a través dun pequeno burato.
Partindo da Veiga cruzamos a ponte do Xares sobre o encoro de Prada, punto de interese para actividades como a pesca e os deportes náuticos ou mes-mo para un baño na praia dos Franceses.
A pequena estrada que bordea o encoro transita por corgas entre prados e carballeiras ata acadar o muro da presa, chegando xa ao núcleo de Prada. Vai en paralelo á Senda Verde do Xares, ruta recomendable para aqueles que gusten do sendeirismo por tranquilas paraxes.
A presenza continua de altas montañas como fondo escénico lémbranos que estamos ante o teito de Galicia: o macizo de Trevinca. Este sistema montañoso reúne os cumios de maior altitude de Galicia destacando os tres primeiros como son Pena Trevinca (2.127 m), Pena Negra (2.121 m) e Pena Surbia (2.116 m), todos eles na serra do Eixe.
Dende Prada comeza un ascenso propio dos grandes portos de montaña que nos levará ao alto da Portela, enlazando coa baixada cara a Valdeorras.
Capital comarcal e segunda entidade de poboación da provincia de Ourense, O Barco de Valdeorras destaca polo seu dinamismo económico e polo clima benigno, factor fundamental para a produción vitivinícola e que lle outorga prestixio mundial aos seus viños.
As paisaxes de viñedo deixan paso ao val do Sil na procura do Parque Natural Serra de Enciña da Lastra, no que destacan os Penedos de Oulego erguéndose coas súas rochas calcarias por riba do manto verde da vexetación e creando un singular contraste.
A serra da Enciña da Lastra constitúe unha rareza na xeografía galega. A presenza de flora de ambientes cálidos como poden ser as aciñeiras, sobreiras e singularmente o tomiño que impregna o aire co seu característico olor, trasládanos a outras latitudes.
O alto da Portela é un punto de inflexión no percorrido dado que separa as vertentes do Xares e do val do río Sil. Este aspecto supón tamén unha mudanza nas condicións bioxeográficas, marcándose dende este punto o contraste entre o val do Xares e Valdeorras. A diferenza climática tradúcese en diversidade de flora e fauna, tendo a zona de Valdeorras un comportamento propio de ambientes mediterráneos.
A Portela, entre matogueiras e piñeirais propios de espazos de montaña, permite contemplar a profundidade dos encaixados vales dos pequenos cursos fluviais (Mao, Azoreiras, etc.) que baixan cara o río Xares.
Tamén coñecida como A Portela do Valado, cos seus 1.124 metros supón un paso de montaña histórico. A propia topo nimia revela a funcionalidade deste lugar, dado que Portela indica “unha abertura que se fai para que poida pasar o gando ou as persoas”, comunicando dúas terras baixas como A Veiga (terreo amplo e fértil ás beiras dun río) e Valdeorras (no val do Sil a pouco máis de 300 metros de altitude).
Este portal utiliza cookies propias de tipo técnico e de terceiros para mellorar, mediante a análise da navegación, o servizo ofrecido. As cookies non se utilizan para recoller datos persoais. Coñeza como as usamos e de que maneira pode cambiar a súa configuración
Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.