Camiño de Santiago
Natureza
Cultura e Patrimonio
Mar e Costa
Rutas
Gastronomía
Turismo de Saúde
Promocións para disfrutar agora
Axenda cultural
Vai pasar... Ver todos
A MIÑA VIAXE
O Courel é un dos territorios míticos de Galicia, a reserva natural e espiritual dos galegos. Coa súa biodiversidade, as montañas destas serras conforman algunhas das postais de maior beleza que se poden atopar neste recuncho do mundo. A paisaxe, desbordante de cores e matices, pertence á categoría de lugares irreais que só se poden explicar cando son percibidos en primeira persoa. A poesía de Uxío Novoneyra, o gran poeta do Courel, foi quen de describir con palabras tanta fermosura.
A serra do Courel é un sistema montañoso localizado no sector sueste da provincia de Lugo. Os seus cumios non son os máis altos de Galicia, pero si poden considerar-se dos máis belos: Formigueiros (1641 m), Pía Paxaro (1610 m) ou o Teso das Papoulas (1603 m) son algúns dos teitos desta cordilleira.
A Cruz do Incio, pequena vila entre arboredos, é o punto de partida do noso devir por estas terras. Prados e os primeiros castiñeiros acompañan o percorrido por Foilebar e Vilarxoán. Chegando á ponte do Lóuzara a estrada vaise estreitando até converterse en pista. O ascenso até Pedrafita do Courel marca o linde entre Samos e Folgoso do Courel.
O val do río Pequeno vai ser o eixo do seguinte treito. Acolledor, frondoso, colorido… esencial. A sucesión de aldeas tradicionais, idealmente integradas na paisaxe, conflúe cos verdes prados, sebes e soutos.
Sen dúbida unha das zonas mellor conservadas de Galicia, na que se consegue un equilibrio perfecto entre a natureza e a actividade do home.
Seoane do Courel, núcleo importante no microcosmos courelá, supón un cambio de orientación no itinerario. A estrada aproveita as voltas do río Lor e transcorre encaixada polo profundo val para achegarnos a Folgoso do Courel, capital municipal.
Desde aquí, o desvío cara a Vilamor e Froxán levaranos a cruzar de novo as augas do Lor en Baldomir. Ao pouco, a carón do noso camiño, a fervenza de Vilamor convida a unha pequena parada para contemplar a súa caída vertical e entre pa-redes ferruxinosas.
Vilamor é tranquilidade. O paseo polas súas estreitas rúas permite re-pasar un completo mostrario da arquitectura popular courelá, que só o paso do tempo parece cuestionar.
Froxán é identidade. Conxunto arquitectónico e etnográfico declarado Ben de Interese Cultural de Galicia, recuperado con bo gusto, conxugando a sabedoría da arquitectura popular coas actuacións de recuperación das súas edificacións, nun trunfo contra o desleixo.
Froxán é unha das tantas aldeas do Courel que conserva todo o seu carácter tradicional. O modo de vida, a estrutura da aldea, a integración coa contorna… levaron á realización dun proxecto de recuperación integral do conxunto como tamén se fixo noutras aldeas como Seceda e A Seara.
A aldea conta con escasas vinte casas que se amorean arredor de pequenas calellas empedradas e acomodadas, dunha forma case orgánica, ás formas do terreo. Coa lousa como material de construción, esta arquitectura sen arquitectos procurou solucións prácticas para a dura vida da montaña: tellados de lousa, balcóns, fornos, alpendres, alvarizas…
A contorna conta con pequenas parcelas de cultivo, soutos centenarios e prados para o gando. Como se o tempo se detivese, a festa da castaña celebra a chegada dos produtos do outono, sendo conscientes da relevancia da conxunción coa natureza.
Por todo elo, foi declarada Ben de Interese Cultural no ano 2006 na categoría de “Lugar de Interese Etnográfico”.
O treito final transcorre elevado sobre o río Lor e ofrece impresionantes vistas panorámicas co seu celme no punto final do itinerario: o miradoiro da Pena do Teso Grande.
Dende aquí, podemos seguir parte da liña de cumios que forma o cordal do Courel: Pía Paxaro, alto do Boi, Cruz das Lastras, alto do Capelo… No primeiro termo a aldeíña de Castro Portela érguese sobre o val fluvial, allea ao brillo do ouro do Lor que, no seu día, trouxo até aquí aos romanos.
Uxío Novoneyra (Parada, Seoane do Courel, 1930 - Santiago de Compostela, 1999) é a gran voz do Courel. De familia labrega, a súa obra literaria identifícase de maneira simbiótica co territorio e as súas xentes, sendo o Courel un dos eixos fundamentais da súa poesía. Na casa familiar de Parada consérvase o banco dende o que contemplaba a paisaxe courelá. Foille dedicado o Día das Letras Galegas de 2010.
O río Lor artella boa parte do Courel, sendo eixo fundamental tanto na conexión ecolóxica como nas comunicacións a través da estrada que aproveita o leito para atravesar o concello, conectando as dúas entidades de poboación principais: Seoane do Courel e Folgoso do Courel.
Nunha das curvas do camiño, moi preto da capital municipal, sitúase a pequena área recreativa de Traspando, punto dende o que se aprecia unha completa perspectiva do curso do río Lor.
As vellas montañas do Courel, desgastadas polo tempo e a erosión, marcan os contrastes de altitude cos vales fluviais. A complexa orografía destácase polos cumios redondeados, propios das elevacións antigas, e fortes desniveis nas ladeiras. Isto implica grandes diferenzas climáticas, pasando das condicións de montaña aos microclimas mediterráneos dalgúns sectores de fondo de val. Como consecuencia, O Courel goza dunha das maiores biodiversidades de Galicia.
A presenza dos restos dalgunhas alvarizas, remiten tamén ao aproveitamento que os homes fixeron do territorio. O mel, ao igual que as castañas, é un produto fundamental desta zona, e a protección das colmeas unha teima obrigada pola antiga presenza de osos e outra fauna. A adaptación ao medio adquire, neste caso, un cariz épico.
Este portal utiliza cookies propias de tipo técnico e de terceiros para mellorar, mediante a análise da navegación, o servizo ofrecido. As cookies non se utilizan para recoller datos persoais. Coñeza como as usamos e de que maneira pode cambiar a súa configuración
Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.