Camiño de Santiago
Natureza
Cultura e Patrimonio
Mar e Costa
Rutas
Gastronomía
Turismo de Saúde
Promocións para disfrutar agora
Axenda cultural
Vai pasar... Ver todos
A MIÑA VIAXE
O tránsito polo Macizo Central ourensán supón toda unha experiencia para os sentidos. As impresionantes vistas das serras, as cores propias dunha suxestiva vexetación e o compás do silencio permiten realizar un relaxante percorrido por algunhas das paisaxes mellor conservadas de Galicia. Pequenas aldeas salpicadas nun territorio de extraordinarios valores naturais e que conta, ademais, coa única estación de montaña de Galicia: Manzaneda.
O Macizo Central é unha sucesión de serras que atravesan a provincia de Ourense. Os vales da vertente norte ofrecen admirables percorridos entre prados e sobre un manto de acivros, carballos e bidueiros que ascenden polas ladeiras ate as cimeiras rochosas das serras de San Mamede, Burgo, Queixa e Cabeza de Manzaneda. Non son as montañas máis altas de Galicia, pero a súa beleza está fora de toda dúbida.
Montederramo é o inicio ideal para este percorrido. A súa acolledora praza central artéllase arredor do mosteiro de Santa María, xoia arquitectónica confluencia de diversos estilos. Pouco despois da saída atópase o desvío cara o Bidueiral de Montederramo, unha gran concentración de bidueiros (Betula alba) a modo de bosque nórdico pero no sur de Galicia.
Santa María de Montederramo é un mosteiro con orixe no século X. A maior parte das súas edificacións actuais foron construídas entre os séculos XVI e XVII, sendo elemento singular a fachada renacentista de estilo Herreriano. Mosteiro bieito dende o século XII, a orde do Císter seleccionaba lugares illados e tranquilos como emprazamento dos seus cenobios. Santa María de Montederramo localízase a carón do río Mao, nunha veiga produtiva, aos pés da serra de San Mamede.
En canto á arquitectura destaca a presenza de dous claustros, o claustro das Procesións (do século XVI e con elementos góticos e renacentistas) e o claustro da Hospedaría (renacentista do século XVII). As orixes do mosteiro puideron estar nun antigo priorado en Seoane Vello. Foi no século XII cando foi refundado na súa localización actual, segundo un documento datado en Allariz no ano 1124. Esta referencia é a primeira coñecida na que se utiliza o termo Roboira Sacrata, orixe do actual Ribeira Sacra nunha posible alusión aos abondosos carballos da zona (Quercus robur), se ben a grande cantidade de edificacións relixiosas nas ribeiras do Sil levan tamén á posible versión etimolóxica de Ribeira Sacra.
Seguindo o curso do río Mao, imos atopando aldeas perfectamente integradas nas paisaxes gandeiras tipo bocage cos seus vellos peches de pedra e sebes. De fondo, a serra de San Mamede cambiante segundo a época do ano.
Pasando San Fiz, nunha volta do camiño, o amplo val de Queixa ábrese ante o viaxeiro coa serra do mesmo nome como fondo escénico propio dun decorado. A estrada transcorre de seguido abeirando o encoro de Queixa, superándoo polo muro da presa.
As terras de Chandrexa de Queixa lévannos cara a Manzaneda, única estación de montaña de Galicia na que practicar actividades vinculadas á neve.
Cabeza Grande de Manzaneda (1.781 m) é unha das montañas referenciais da xeografía galega, sendo a altitude máxima do Macizo Central ourensán e formando parte dun cordal que limita co val do río Bibei.
A baixada cara á vila de Manzaneda permite vistas dunha nova vertente, especialmente dende o miradoiro de Chaira das Lamas. No marco dunha paisaxe de montaña, destacan as matogueiras e os pastos extensivos para o pastoreo, práctica de uso histórico na zona. O descenso da cota de altitude permite a presenza dos primeiros soutos, con exemplares míticos como o Castiñeiro de Pumbariños no Souto de Rozavales.
A vila aséntase nunha chaira e con- serva a morfoloxía da época medieval e parte da muralla defensiva. A Porta da Vila (século XII) é o principal vestixio deste sistema de protección que tivo no seu día máis de 400 metros de lonxitude. Dende aquí, a rúa da Igrexa ou rúa do Medio artella o casco medieval de estreitas e coidadas calexas, desembocando na igrexa de San Martiño.
O sistema defensivo completábase co castelo, do que hoxe quedan restos aproveitados como miradoiro. A revolta Irmandiña supuxo a fin da torre medieval, polo que o castelo foi reedificado no século XVI baixo o mandato dos Condes de Ribadavia. A nova construción incluía un penal coñecido como Cárcere dos Sarmiento pola liñaxe dos condes, convertida hoxe en centro cultural.
O tránsito paseniño polo concello de Montederramo achega o percorrido a San Fiz, dende onde xa se intúen as ladeiras da serra de Queixa. Pero esta pequena aldea agocha unha sorpresa para o viaxeiro cando, sen previo aviso e tras varias curvas, o val do río Queixa ábrese ao viaxeiro coa vista impoñente da serra ao fondo, establecendo un fantástico punto de observación dende o miradoiro de San Fiz.
O macizo de Manzaneda marca a paisaxe deste sector de complexo relevo. A serra de Queixa esténdese con cumios por riba dos 1700 metros (Seixo, Sistil Branco) aliñados con Cabeza Grande de Manzaneda e alternando co val do río Queixa, depresión fluvial que foi utilizada para establecer un encoro, inaugurado no 1953.
A serra de Queixa, con base granítica, presenta dende este punto diversas ondulacións orixinadas pola acción fluvial. A forte inclinación e as condicións climáticas fixaron a poboación nos vales fluviais, como sucede na contorna do encoro de Queixa, mantendo na actualidade unha destacable actividade gandeira que se traduce nunhas paisaxes ben conservadas.
Este portal utiliza cookies propias de tipo técnico e de terceiros para mellorar, mediante a análise da navegación, o servizo ofrecido. As cookies non se utilizan para recoller datos persoais. Coñeza como as usamos e de que maneira pode cambiar a súa configuración
Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.