Camiño de Santiago
Natureza
Cultura e Patrimonio
Mar e Costa
Rutas
Gastronomía
Turismo de Saúde
Promocións para disfrutar agora
Axenda cultural
Vai pasar... Ver todos
A MIÑA VIAXE
O Miño é un río esencial na xeografía e na cultura galega. Este itinerario propón un percorrido seguindo o seu val dende a cidade de Ourense até Ribadavia, a través das paisaxes do viño da comarca do Ribeiro. Este percorrido, que combina valores patrimoniais, naturais e estéticos, discorre por terras de herdanzas romanas e trazos climáticos mediterráneos.
Ourense é unha das grandes cidades de Galicia, sendo a terceira entidade de poboación do país. A cidade da auga pola súa relación co río Miño e pola relevancia termal, permite un recomendable paseo no que xuntar patrimonio, natureza e boa gastronomía regada cos grandes viños da provincia.
O casco histórico ourensán é un conxunto de grande interese: a Catedral, obra románica con diversas influenzas polas sucesivas reformas, baixo a advocación de San Martiño; As Burgas, fontes termais do século XVII pero que veñen sendo utilizadas dende a Idade Antiga, e que permiten hoxe un caloroso baño no centro da cidade; e feiticeiros recunchos como o praza do Trigo, o Eironciño dos Cabaleiros ou a praza da Madalena.
O itinerario parte da Ponte Vella, de orixe romana, e reconstrucións dos séculos XIII e XVII , é un punto estratéxico de paso da Vía da Prata. Foi declarada Monumento Histórico-Artístico no ano 1961. Dende a capela dos Remedios, temos unha fermosa perspectiva.
O itinerario a carón do río Miño permite ir vendo o paseo da ribeira e as sucesivas pontes, incluíndo a contemporánea Ponte do Milenio, obra vangardista do ano 2001 e que constitúe un miradoiro en si mesma. O percorrido segue baixando pola marxe esquerda do Miño até chegar ao parque das Termas de Outariz.
As termas de Outariz están situadas na marxe dereita do río Miño, pero unha ponte peonil permite o acceso dende o noso itinerario. Gran conxunto termal formado por Outariz e a Burga de Canedo, as súas augas medicinais brotan a 60° e conta con diversas zonas de baños quentes ou fríos.
No tránsito de Barbadás a Toén, o frondoso bosque de ribeira deixa paso a extensos viñedos, protexidos polo val fluvial e que medran coas altas temperaturas do verán. A chegada do outono tinta estas paisaxes do seu variado cromatismo.
O camiño cara a Ribadavia pasa polo Parque Náutico de Castrelo, acertada iniciativa que soubo conxugar o lecer co aproveitamento hidroeléctrico. Moi preto, na zona da presa temos unha fermosa estampa coa igrexa de Santa María de Castrelo dominando a paisaxe dende un outeiro elevado sobre o río.
Ribadavia, capital do Ribeiro, acubíllase a carón do río Avia, que se atopa co Miño pouco despois da vila. O seu legado patrimonial e a profusa cultura do viño ben merecen unha tranquila parada.
Capital do Ribeiro do Avia, vila de relevancia vitivinícola dende tempos históricos e Conxunto Histórico- Artístico dende 1947, son moitos os motivos para visitar Ribadavia.
Rodeada de dondas montañas, no centro do val no que o Avia verte as súas augas ao Miño, Ribadavia é unha vila histórica que conserva a súa personalidade medieval, como a antano próspera xudería, o barrio da Alxama, que deixou trazas arquitectónicas e culinarias.
Bens patrimoniais destacados son a praza Maior, punto de reunión baixo os soportais; o pazo dos Condes de Ribadavia, barroco e rotundo; o conxunto monumental de Santo Domingo, co convento do mesmo nome e a igrexa da Virxe do Portal e por suposto o castelo dos Condes Sarmiento de Ribadavia, do século XVI e punto final do noso percorrido.
Documentado dende o século IX, é coñecido que foron os romanos os que introduciron o cultivo de vides nestas terras polo século III. As favorables condicións climáticas e as propiedades dos solos secos das ladeiras dos vales do Avia, Miño e Arnoia, permitiron o desenvolvemento dunha longa tradición produtiva e cultural vinculada ao viño.
O encoro de Castrelo de Miño anegou dende 1969 amplas zonas de viñedo. A día de hoxe, sorprende a quietude do encoro, auténtico mar interior da provincia que se estende dende Castrelo a San Paio, chegando até o Balneario de Laias e Barbantes.
A presenza da grande extensión de auga permite a observación das ribeiras viñateiras, creando un fermoso mosaico cromático. Agudizando a mirada, pódense distinguir cara ao norte as curiosas formas rochosas de Pena Corneira (675 m), coñecida como o Menhir do Ribeiro.
O Parque Náutico de Castrelo actúa como centro de ocio e deporte na comarca. O club náutico é unha referencia deportiva e a pista de remo do encoro está considerada como unha das mellores de España, polo que é moi valorado por deportistas de toda Europa como lugar de adestramento e competición.
A combinación de actividades deportivas, paseos turísticos, áreas de lecer e a oferta gastronómica e enolóxica fan moi recomendable a visita ao Parque de Castrelo.
Este portal utiliza cookies propias de tipo técnico e de terceiros para mellorar, mediante a análise da navegación, o servizo ofrecido. As cookies non se utilizan para recoller datos persoais. Coñeza como as usamos e de que maneira pode cambiar a súa configuración
Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.