Os cantís e as penedías, alzándose impoñentes desde o Sil, os bosques misteriosos, os esgrevios viñedos, cultivados en socalcos desde tempos inmemoriais, conforman en conxunto un dos espazos paisaxisticamente máis singulares de Galicia e acollen, ademais, un bo número de atractivas especies.

Aves entre rochas, bosques e viñedos

Practicamente desde a súa entrada en Galicia e ata a confluencia co Miño, o río Sil ábrese paso de leste a oeste encaixado nun profundo val que separa as provincias de Lugo e Ourense. Boa parte deste tramo está dominado por grandes paredes e penedías graníticas que se deitan sobre as augas dun Sil hoxe encorado.

As abas con orientación sur gozan dunha grande insolación, o que permitiu desde hai séculos cultivar alí as viñas, moitas deles en pequenos viñedos abertos practicamente entre as rochas. A vexetación natural que crece nestas ladeiras sollías está composta por aciñeiras, sobreiras, albedros e outras especies mediterráneas; as abas con orientación norte, pola contra, albergan carballeiras (ocasionalmente mesturadas con soutos) ben preservadas polo vertixinoso desnivel. Nos bordos, pequenas aldeas rodeadas de cultivos e pastos completan o marco xeneral dun espazo de gran heteroxeneidade ambiental.

Os roteiros
Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Roteiro en coche “Peregrinus”

MELLOR ÉPOCA

De abril a setembro

DISTANCIA

56 km

DURACIÓN

4 horas

DIFICULTADE

Ningunha

CONCELLOS

A Teixeira, Castro Caldelas, Nogueira de Ramuín, Parada de Sil

PERCORRIDO

Parador de Santo Estevo - Parada de Sil - Castro Caldelas

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Puntos clave da ruta:

  1. O primeiro tramo discorre entre bosques e campos, e descende ata o canón (1). Alí imos ver o falcón peregrino e outras rapaces como o millafre negro e o miñato abelleiro.
  2. O segundo tramo continúa pola parte alta do canón, onde se observan moitas especies de bosque e medios agrícolas, como o azor común, o lagarteiro común, o cardeal común e o gabeador azul. Tras pasar Cimadevila atopamos dous miradoiros (2, 3) sobre o espectacular tramo de canón. Deterse unha miguiña neles a media mañá soe ser interesante para ver aves rapaces como o falcón peregrino.
  3. Desde Parada de Sil achegámonos ao miradoiro coñecido como os “Balcóns de Madrid” (4), no que imos gozar dunha vista espectacular, interesante para observar falcóns peregrinos, aguias calzadas e azores comúns
  4. Ata Castro Caldelas as ladeiras suavízanse e a rocha deixa paso ao bosque e aos viñedos. Na contorna das aldeas abundan as andoriñas comúns e as andoriña de cú branco. Máis ocasional é a dáurica, así como moitas outras pequenas aves. Os millafres negros vannos acompañar de xeito case constante, pero haberá que estar atentos á aparición de miñatos abelleiros.
  5. Paga a pena subir ás torres do castelo de Castro Caldelas (5), na fin do percorrido. Os seráns na primavera hannos ofrecer espectaculares observacións de centos de cirrios comúns a poucos metros.

Roteiro en coche “Gentilis”

MELLOR ÉPOCA

De abril a setembro

DISTANCIA

21 km

DURACIÓN

2 horas

DIFICULTADE

Ningunha

CONCELLOS

A Teixeira, Castro Caldelas, Monforte de Lemos, Sober

PERCORRIDO

Amandi - Doade - Castro Caldelas

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Puntos clave da ruta:

  1. Desde a contorna de Amandi (1) e ata pasar Doade, o itinerario transcorre entre bosquetes e áreas de cultivo que, con algo de sorte, nos han permitir ver azores e rulas, entre outros.
  2. Pasado Doade adentrámonos nun tramo de canón profusamente cuberto de viñedos (2), onde abundan millafres negros e mais lagarteiros comúns.
  3. Nas proximidades da ponte sobre o Sil (3) interésanos facer unha parada: falcóns peregrinos, lagarteiros comúns, corvos ou andoriñas de cu branco son doadas de detectar.
  4. O tramo discorre a seguir entre bosque e viñedos. En primavera imos procurar deternos nalgún destes arboredos para escoitar o picafollas ibérico e mais o picafollas de Bonelli.

Roteiro a pé “Meridionalis”

MELLOR ÉPOCA

De abril a setembro

DISTANCIA

7,5 km, só ida

DURACIÓN

3 horas (só ida)

DIFICULTADE

Baixa

CONCELLOS

Parada de Sil

PERCORRIDO

Parada de Sil - Mosteiro de Santa Cristina

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Puntos clave da ruta:

  1. Entre Parada de Sil e o miradoiro dos “Balcóns de Madrid” (1) podemos ver numerosas especies ligadas a medios agrícolas como rulas, andoriñas ou escribentas comúns.
  2. Paga a pena deterse no dito miradoiro, pois desde alí é posible observar falcóns peregrinos e mais aguias calzadas e cobreiras.
  3. Entre o miradoiro e as aldeas de Portela (2) e O Castro (3), cun pouco de sorte, habemos observar o picanzo real. O tramo discorre pola beira do canón, con boas vistas e posibilidades de observar, entre outros, o azor común, o falcón peregrino ou a aguia cobreira.
  4. Desde O Castro ata o mosteiro de Santa Cristina (4) son comúns as especies forestais como o gabeador azul, o picafollas ibérico e o peto real. No mosteiro é interesante deterse a observar o canón para apreciar o millafre negro ou a andoriña dáurica.

Roteiro a pé “Solitarius”

MELLOR ÉPOCA

De abril a setembro

DISTANCIA

2 km, só ida

DURACIÓN

1 hora (só ida)

DIFICULTADE

Baixa

CONCELLOS

Sober

PERCORRIDO

Miradoiro da Cividade

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Puntos clave da ruta:

  1. Non lonxe da aldea de Ferrón, o itinerario parte desde a beira norte do canón (1) e discorre en todo momento ao límite desta. Podemos observar, entre outros, merlos azuis, andoriñas dáuricas e falcóns peregrinos.
  2. No miradoiro (2) é recomendable permanecer un bo anaco á espera a das especies citadas. Con algo de paciencia poderemos engadir outras rapaces como a aguia calzada e a cobreira ou a cotovía pequena.

Roteiro a pé “Gallicus”

MELLOR ÉPOCA

De abril a setembro

DISTANCIA

425 m, só ida

DURACIÓN

Un cuarto de hora (só ida)

DIFICULTADE

Ningunha

CONCELLOS

Sober

PERCORRIDO

Santuario de Cadeiras - Miradoiro

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Puntos clave da ruta:

  1. Nos arredores do mosteiro (1) podemos observar o gabeador común, o ferreiriño azul ou o rabirrubio común.
  2. No miradoiro (2) paga a pena realizar unha parada e observar a contorna, xa que é un bo lugar para anotar a aguia cobreira, o falcón peregrino, o merlo azul, a andoriña dáurica e, só de xeito excepcional, o voitre leonado.
As aves

Algunhas das aves máis características dos Canóns do Sil son rupícolas, é dicir, especies ligadas aos cantís rochosos e ás penedías. Pola ampla presenza, o falcón peregrino é quen encabeza a listaxe. Outras rupícolas menos comúns son o merlo azul e mais o bufo real, escaso e difícil de detectar, ao igual que a esquiva aguia real. Pero os bosques e a contorna acollen tamén outras rapaces como o miñato abelleiro, a aguia calzada, o azor ou a aguia cobreira. Entre as aves de menor tamaño podemos citar a andoriña dos penedos e a dáurica. No río, corvos mariños grandes e garzas reais constitúen observacións frecuentes.

Consellos e recursos
  • As estradas son complicadas e requiren moita atención por parte do condutor.

  • Xa a partir da primavera a insolación pode ser moi forte. Cando emprendamos algunha excursión debemos levar protección para o sol e a auga.

Arriba