Galicia identifícase con paisaxes chuviosas propias da fachada atlántica europea, pero ten moita máis variedade climática. A Serra da Enciña da Lastra é un claro exemplo. Como o seu nome indica, a vexetación dominante é a aciñeira, acompañada de oliveiras, albedros e castiñeiros. Impresionantes penedías acollen unha flora e unha fauna moi particulares.

Rocha e paisaxes mediterráneas

O río Sil entra en Galicia abríndose paso a través dunha serra de orixe calcaria, o que dá lugar a espectaculares formacións con grandes cortados rochosos. O clima, de marcado carácter mediterráneo, fai que a vexetación desta contorna recorde a de paisaxes do sur, con aciñeiras, oliveiras e albedros como protagonistas, sen esquecer matogueiras como a esteva ou plantas como a lavanda ou o tomiño, que perfuman o aire de xeito inconfundible. Pequenas aldeas rodeadas de cultivos e soutos completan o cadro.

A vexetación é particularmente singular, pois nestas pouco frecuentes contornas crecen varios endemismos. A fauna non queda atrás, xa que atopamos especies pouco comúns no noroeste ibérico, típicas de climas mediterráneos ou de medios rupícolas. Por todas estas razóns, a Serra da Enciña da Lastra ten a categoría de parque natural.

Os roteiros
Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Roteiro en coche “Neophron”

MELLOR ÉPOCA

Abril e xuño

DISTANCIA

23 km, só ida

DURACIÓN

2 horas

DIFICULTADE

Ningunha

CONCELLOS

Rubiá

PERCORRIDO

Covas - Biobra - Oulego

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Puntos clave da ruta:

  1. Partimos das inmediacións da aldea de Covas (1, 2, 3), desde onde podemos observar o falcón peregrino, o voitre branco, a aguia real, a aguia calzada, o millafre negro e unha manchea de pequenas aves.
  2. Nas proximidades de Biobra (4) cómpre que esteamos atentos para poder localizar o peto formigueiro e mais o rabirrubio de testa branca nos soutos.
  3. Entre as aldeas do Real e O Robledo da Lastra podemos deternos preto do río Galir (5), pois habemos detectar ouriolos doadamente.
  4. Nos arredores de Oulego (6) tamén imos poder observar moitas especies de paseriformes, como o rousinol común.
  5. Volvemos sobre os nosos pasos e dirixímonos cara aos Penedos de Oulego (7), onde poderemos albiscar o falcón peregrino, o voitre leonado ou o azor común.

Roteiro en coche “Melba”

MELLOR ÉPOCA

De abril a xullo

DISTANCIA

4 km, só ida

DURACIÓN

Media hora

DIFICULTADE

Ningunha

CONCELLOS

Rubiá

PERCORRIDO

Vilardesilva e Pardollán

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Puntos clave da ruta:

  1. No km 441 da estrada N-120 dirixímonos cara a Vilardesilva. Imos atentos ao lado dereito (1), xa que nos cantís é frecuente ver andoriñón real. Tamén podemos detectar diferentes especies de papuxas, como a carrasqueira, e abellarucos comúns.
  2. As zonas de matogueira arredor de Vilardesilva tamén son propicias para anotar a papuxa carrasqueira.
  3. Tras pasar Vilardesilva (2) atopamos un pequeno miradoiro (3) de espectaculares vistas. Paga a pena deternos nel un bo anaco para observar a aguia cobreira ou o miñato abelleiro.
  4. En Pardollán (4) poderemos ver pequenos paseriformes como o cardeal común.

Roteiro a pé “Phoenicurus”

MELLOR ÉPOCA

De abril a xullo

DISTANCIA

6 km

DURACIÓN

2 horas

DIFICULTADE

Baixa

CONCELLOS

Rubiá

PERCORRIDO

Covas

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Puntos clave da ruta:

  1. Na contorna da aldea de Covas (1) podemos ver especies tan interesantes como o rabirrubio de testa branca, o papamoscas cincento ou a papuxa picafollas.
  2. Achegarse ao apeadoiro do tren (2) permítenos ter unha boa vista do pantano, onde é posible observar mergullóns cristados. Na primavera cómpre reparar nos grupos de andoriña de cu branco e nos de andoriñas comúns, pois entre elas hainas tamén dáuricas.
  3. Os millafres negros poden verse de maneira case constante na contorna, pero tampouco podemos esquecer outras rapaces como a aguia calzada.
  4. Subindo polo regato de Pereda (3) debemos escoitar con atención para a banda das rochas, pois pode oírse cantar o merlo azul.
  5. Na parte alta do percorrido (4) temos unha boa vista da maior parte das penedías; por iso, con algo de sorte, poderemos ver voitres brancos ou aguias reais.

Itinerario a pé “Jynx”

MELLOR ÉPOCA

De abril a xullo

DISTANCIA

3,6 km

DURACIÓN

1,5 horas

DIFICULTADE

Baixa

CONCELLOS

Rubiá

PERCORRIDO

Biobra

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Puntos clave da ruta:

  1. No lugar de Biobra (1) imos ver diversos paseriformes, como andoriñas de cu branco e comúns ou rousinois.
  2. O itinerario discorre por soutos abertos (2), perfectos para anotar o peto formigueiro, o rabirrubio de testa branca e o picanzo cabecirrubio.
  3. Atentos á liña do cumio da serra (3), sobrevoada frecuentemente por diferentes aves rapaces.
As aves

Un dos maiores atractivos desta serra é a presenza de rupícolas (aves propias de medios rochosos, especialmente cantís) coas aves rapaces como exemplos máis notables. Aquí nidifican o voitre branco, o falcón peregrino e a aguia real. Características de medios rochosos son tamén as choias de bico vermello, o andoriñón real ou o merlo azul. Nas masas forestais atopan os seus territorios rapaces como a aguia calzada ou a cobreira, canda especies como o peto formigueiro ou o rabirrubio de testa branca. Nas matogueiras destaca o coro de papuxas, como a carrasqueira, mentres que o aire se enche cos cantos do abellaruco común e o rousinol común, e no pantano despregan as súas coreografías os mergullóns cristados e voan as andoriñas dáuricas.

Consellos e recursos
  • A Serra da Enciña da Lastra é un parque natural. Respecta a súa normativa en todo momento. Cómpre recordar que hai zonas sensibles ás que non se permite o paso. 

  •   Se o día é soleado, a calor pode ser intensa. Leva auga e protección solar. 

  • Atención á condución pola zona, pois a estrada N-120 ten un intenso tráfico

Arriba