Faros e praias salvaxes

Se hai un son en Galicia que non cesa nunca, ese é o bater do seu mar contra as rochas, un mar embravecido no que ata os máis aguerridos mariños viviron momentos difíciles, no que nalgún tempo viviron sereas.

Marea tras marea, vaise moldeando a costa galega dando lugar a praias salvaxes, de ría e de mar aberto, areais infinitos ideais para percorrer coa salgada brisa mariña acariciando o rostro, sentindo a area húmida baixo os pés. Como non podía ser doutro xeito, a nosa costa atópase custodiada por numerosos faros, vixías situados en impresionantes enclaves que axudan, día tras día, ás embarcacións a chegar a bo porto.

Percorrer a nosa costa pode ser unha experiencia única se, ademais de admirar a súa beleza, a vivides dun xeito diferente: mergulládevos nos nosos mares, sentide a brisa mariña facendo surf, navegade as nosas augas e achegádevos a lugares tan impresionantes como as nosas illas, as cales albergan tesouros de todo tipo, coñecede un a un os nosos faros, todos eles testemuña directa das travesías que fan os buques ao longo da nosa costa… En definitiva, deixade a vosa pegada nos nosos areais máis salvaxes e permitide que, á súa vez, Galicia faga o mesmo convosco.

 

Xunta de Galicia

© 2016 Turismo de Galicia | Todos os dereitos reservados
Política de privacidade | Contacto | Accesibilidade

Galicia
Arriba