En practicamente calquera época do ano, a comarca da Terra Chá pode depararnos sorpresas ornitolóxicas. O seu relevo plano e os seus ecosistemas abertos, nos que se localizan distintas lagoas, veigas, brañas e áreas inundables, acollen moitas especies de aves, algunhas realmente pouco comúns.

Zonas húmidas e aves na chaira

A Terra Chá é unha extensa comarca ao norte da cidade de Lugo, asentada sobre unha depresión sedimentaria que se caracteriza polo seu relevo suave. Son moitos os ríos que a atravesan, o máis coñecido deles o río Miño, con ribeiras moi ben conservadas. Atopamos na comarca varias lagoas de diferente tamaño que acollen ducias de especies de aves acuáticas ao longo do ano.

Non podemos deixar de visitar a lagoa de Cospeito ou a lagoa de Caque. Antano, a rede de zonas húmidas da comarca era máis extensa e de características diferentes, pero o desenvolvemento de mediados do século XX, que transformou zonas húmidas en toda España, tivo tamén as súas páxinas negras na Terra Chá. A día de hoxe as lagoas e as zonas húmidas que resistiron gozan de maior nivel de protección e de recoñecemento público.

A paisaxe está dominada en moitos puntos por amplas praderías e espazos abertos que permiten contemplar con facilidade especies típicas destes hábitats: A Espiñeira, xunto á lagoa de Cospeito, ou A Veiga do Pumar son as máis coñecidas e interesantes.

Os roteiros
Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Roteiro en coche “Pygargus”

MELLOR ÉPOCA

Decembro-xaneiro, abril-xuño e agosto-setembro (aínda que a ruta é interesante en calquera época do ano).

DISTANCIA

45 km

DURACIÓN

5 horas

CONCELLOS

Begonte, Castro de Rei, Cospeito, Rábade, Vilalba

PERCORRIDO

Rábade, A Feira do Monte, lagoa de Cospeito, A Veiga do Pumar, lagoa de Caque

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Puntos clave da ruta:

  1. Saímos de Rábade cara á Feira do Monte (1)
  2. Desde alí poñemos rumbo á lagoa de Cospeito (2), onde hai varios observatorios habilitados que nos permitirán observar multitude de aves acuáticas, especialmente en inverno.
  3. A seguir podemos dar unha volta a baixa velocidade polos pasteiros da Espiñeira (3), bo lugar para observar avefrías comúns en inverno ou sisón dos nabos e tartarañas cincentas en primavera e verán.
  4. Conducimos despois ata A Veiga do Pumar (4), onde podemos observar especies moi semellantes ás presentes na Espiñeira; a finais do verán é un magnífico lugar para observar o lagarteiro das torres.
  5. O itinerario finaliza na lagoa de Caque (5), tamén coñecida como lagoa de Bardancos, onde poderemos ver máis especies de aves acuáticas como a cerceta común, a galiñola negra, o mergullón pequeno ou a garza real.

Roteiro a pé ou en bici “Crecca”

MELLOR ÉPOCA

Inverno e primavera

DISTANCIA

3,5 km

DURACIÓN

2 horas a pé e 1 en bicicleta

DIFICULTADE

Ningunha

CONCELLOS

Cospeito

PERCORRIDO

Lagoa de Cospeito

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Puntos clave da ruta:

  1. Saíndo do centro de interpretación (1) subimos ao montículo artificial (2) desde o que se ten unha boa perspectiva do conxunto.
  2. Descendemos e seguimos o carreiro (3) que rodea a lagoa, ao longo do cal habemos atopar diferentes observatorios (4) que podemos usar en función da posición do sol. Imos observar anátidos como a cerceta ou o cullerete, galiñolas negras, mergullóns pequenos, garzas reais e, ocasionalmente, vermellas, mentres escoitamos o omnipresente rousinol bravo. En paso, ocasionalmente, poderemos observar folosas dos xuncos e acuáticas. Millafres negros, falcóns pequenos e outras completan o elenco de rapaces.

 

Roteiro a pé ou en bici “Cristatus”

MELLOR ÉPOCA

De outono a primavera

DISTANCIA

3,2 km

DURACIÓN

2 horas a pé e 1 en bicicleta

DIFICULTADE

Ningunha

CONCELLOS

Begonte

PERCORRIDO

Areeiras das lagoas de Pedroso

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Puntos clave da ruta:

  1. Sobre as antigas lagoas de Pedroso asentáronse areeiras aínda en explotación. A medida que se abandonan tras o seu aproveitamento, a auga e o tempo contribúen a que se asente unha interesante avifauna.
  2. Partindo da entrada (1), na estrada N-VI, internámonos nunha pista circular arredor das areeiras e detémonos a contemplar as augas libres (2) e as súas beiras. É un bo sitio para observar aves acuáticas como o mergullón cristado ou rapaces como o millafre negro e o falcón pequeno.
  3. No río Ladra (3), que está nas proximidades, é posible detectar garzas da noite.

Roteiro a pé ou en bici “Ciconia”

MELLOR ÉPOCA

Primavera

DISTANCIA

7 km

DURACIÓN

2 horas a pé e 1 en bicicleta

DIFICULTADE

Ningunha

CONCELLOS

Castro de Rei

PERCORRIDO

A Veiga do Pumar

Lembra que pode haber recursos que non estean xeorreferenciados e, polo tanto, non os esteas visualizando.

Puntos clave da ruta:

  1. Percorrido en torno á zona húmida da Veiga do Pumar (1) e aos pasteiros próximos (2). Esta zona húmida tiña ata hai pouco unha boa extensión de augas libres, aínda que arestora é practicamente un salgueiral. É un excelente lugar para observar cegoñas brancas, becacinas comúns, millafres negros, tartarañas cincentas e, con sorte, sisón dos nabos e lagarteiros cincentos. A finais do verán é común ver lagarteiros das torres.
As aves

Nas lagoas, particularmente nas de Cospeito e Caque, podemos observar multitude de aves acuáticas como o mergullón pequeno, a garza real ou a galiñola de auga común, aínda que destacan os anátidos como a cerceta común, presente durante o inverno. Nesta tempada é cando encontramos nos pasteiros avefrías comúns, píldoras douradas e tordos rubios e reais que, dependendo da dureza do inverno no centro e norte de Europa, poden chegar a formar bandos realmente numerosos.  Tamén nos pasteiros, pero durante a primavera, podemos ver interesantes especies. Destaca a presenza do sisón dos nabos, que nidifica moi escasamente, ou da tartaraña cincenta. Na Terra Chá atópase a única poboación reprodutora de mazarico real da península Ibérica.

A finais do verán podemos observar o lagarteiro das torres, que se agrupa en durmidoiros comunais. É un excelente lugar para a observación dalgunhas rapaces. Aos xa mencionados lagarteiro das torres e tartaraña cincenta hai que sumarlles o millafre negro e o falcón pequeno en primavera, e o esmerillón e o falcón peregrino durante o inverno.

Consellos e recursos
  • As aves das zonas húmidas son sensibles. Cómpre que respectemos o seu benestar observándoas desde a periferia, por iso é importante usar telescopio.

  • A Terra Chá é unha comarca eminentemente agrícola e gandeira, así que non debemos entrar nas leiras e habemos transitar unicamente polos camiños.

  • En inverno é importante usar botas de goma ou hidrófugas.

Arriba