Aínda que moi cambiada desde os anos 50, esta planicie na cerna da provincia de Ourense preséntasenos como un atractivo destino ornitolóxico, en especial entre mediados de abril e últimos de xuño, coa chegada das especies estivais e a migración primaveral. Non habiamos de perder os coros matinais de aves nas areeiras nin tampouco o ir e vir de ducias de aves rapaces polos campos de cultivo.

O espírito de Antela

A Limia ten unha paisaxe única en Galicia, con amplos campos de cultivo nunha zona chá, parcialmente inundable e flanqueada por montañas de perfís arredondados.

O seu pasado estivo marcado pola desaparecida lagoa de Antela. Esta zona húmida, que nalgunhas invernías chegaba aos 7 km de longo por 6 de ancho, foi drenada como parte das agresivas políticas agrarias de principios dos anos 60. Canda a lagoa desapareceron da zona non poucas especies de aves, moitas delas acuáticas, que a día de hoxe están ameazadas. Actualmente, as explotacións de áridos que hai nos concellos de Xinzo de Limia, Sandiás e Vilar de Santos ofrecen a algunhas destas aves a oportunidade de regresar a uns espazos que ocupaban tradicionalmente.

Existen tamén masas arboradas, principalmente salgueirais, nas ribeiras das canles, ríos, regatos e areeiras naturalizadas, e tamén carballeiras nos bordos da chaira de cultivo. As pequenas zonas agropastorís das aldeas están decote ben conservadas e dan acubillo a multitude de especies de aves. Boa parte destas zonas están hoxe en día protexidas baixo a figura de ZEPA (Zona de Especial Protección para as Aves).

Os roteiros

Roteiro en coche “Riparia”

MELLOR ÉPOCA

De abril a xuño. Tamén en setembro

DISTANCIA

40 km (ida e volta)

DURACIÓN

Toda unha mañán ou unha tarde

DIFICULTADE

Ningunha

CONCELLOS

Bande, Porqueira, Rairiz de Veiga, Sandiás, Vilar de Santos, Xinzo de Limia

PERCORRIDO

Xinzo de Limia - Ponte Liñares - Areeiras da Limia

Puntos clave da ruta:

  1. No mosaico rural aberto que atravesamos na zona das Lamas (1) están citados o sisón, o alcaraván e mais a calandriña. Habitualmente atopamos o paspallás, o millafre negro e o trigueirón.
  2. Na zona de San Vitoiro (2) é común a tartaraña cincenta.
  3. En Ponte Liñares (3) é posible ver o picapeixe e o merlo rieiro.
  4. As veigas de Ordes (4) son zona de cría da avefría común.
  5. Nas areeiras (5) nidifican a garza pequena, o mergullón cristado, a píllara pequena, a andoriña das barreiras e a folosa grande. Fóra da época de cría é doado atopar a cerceta albela, o cullereiro, o combatente e o bilurico alinegro.
  6. Arredor da ponte da N-525 (6) sobre a canle de Antela podemos ver decote o pombo pequeno e mais a gralla pequena.

Roteiro en coche “Milvus”

MELLOR ÉPOCA

De últimos de abril a mediados de xuño. Tamén en setembro

DISTANCIA

30 km

DURACIÓN

Toda unha mañán ou unha tarde

DIFICULTADE

Ningunha

CONCELLOS

Sandiás, Sarreaus, Xinzo de Limia

PERCORRIDO

Xinzo de Limia - N-525 - centro ecuestre - canle central de Antela - Casasoá - A Pedra Alta - Cortegada - mosteiro do Bon Xesús de Trandeiras - Xinzo de Limia

Puntos clave da ruta:

  1. Arredor da ponte da N-525 sobre a canle de Antela (1) podemos ver decote o pombo pequeno e mais a gralla pequena.
  2. Na canle (2), cara ao norte en dirección á Pedra Alta, podemos avistar cegoñas brancas, picas das árbores, picafollas ibéricos e rousinois bravos.
  3. Nas árbores “cortaventos” dos campos (3) observamos ou escoitamos o bufo pequeno.
  4. Na Pedra Alta (4), se temos sorte, habemos contemplar gatafornelas, curuxas das xunqueiras e alcaraváns.
  5. No mosteiro do Bon Xesús de Trandeiras (5) hai escribentas amarelas e tamén gabeadores azuis, mentres que a aguia cobreira voa nas montañas próximas.

Roteiro a pé ou en bici “Podiceps”

MELLOR ÉPOCA

De últimos de abril a mediados de xuño

DISTANCIA

14 Km

DURACIÓN

3-4 horas a pé e unhas 2 horas en bicicleta

DIFICULTADE

Baixa

CONCELLOS

Sandiás, Xinzo de Limia

PERCORRIDO

Xinzo de Limia - Areeiras da Limia - Xinzo de Limia

Puntos clave da ruta:

  1. Desde o centro de Xinzo de Limia collemos a estrada OU-531 en dirección a Celanova durante uns 3 km. Neste tramo poden verse cegoñas brancas, paspallás, avefrías comúns e mazaricos chiadores.
  2. Arredor da ponte da OU-531 sobre a canle de Antela (1) podemos ver decote o pombo pequeno e mais a gralla pequena.
  3. Tomamos á esquerda un camiño de terra que vai cara ao suroeste, paralelo á canle principal pola marxe esquerda (2), e alí habemos atopar rousinois e picafollas ibéricos.
  4. Á dereita imos deixar dúas pequenas charcas alongadas (onde é posible ver biluricos das rochas e cucos) para, inmediatamente, divisar unha grande areeira abandonada (3) na que habemos dar coa garza pequena.
  5. Xusto alí cruzamos a canle (4) (na que habemos observar a folosa das canaveiras) e chegamos ás areeiras, espazo de nidificación da garza pequena, o mergullón cristado, a píllara pequena, a andoriña das barreiras e a folosa grande. Fóra da época de cría é doado atopar a cerceta albela, o cullereiro, o combatente e o bilurico alinegro.

Itinerario a pé ou en bici ““Burhinus”

MELLOR ÉPOCA

De últimos de abril a mediados de xuño

DISTANCIA

10 Km

DURACIÓN

3-4 horas a pé e unhas 2 horas en bicicleta

DIFICULTADE

Baixa

CONCELLOS

Sarreaus, Vilar de Barrio, Xunqueira de Ambía

PERCORRIDO

Vilar de Gomareite - A Pedra Alta - Vilar de Gomareite

Puntos clave da ruta:

  1. Desde Vilar de Gomareite avanzamos cara ao suroeste polas pistas da antiga lagoa de Antela. Neste primeiro treito (1) imos poder ver paspallás, tartarañas cincentas e, xa máis preto da Pedra Alta, curuxas das xunqueiras, alcaraváns e calandriñas.
  2. Cabo deste último lugar hai unha lagoa (2), resultado das escavacións dos anos 90, que decote acolle biluricos alinegros, lavandeiras amarelas e trigueiróns.
  3. Podemos volver a Gomareite dando un rodeo cara ao noroeste (3), buscando o pombo pequeno e mais o ouriolo.
As aves

Malia ser unha importante comarca agrícola, A Limia segue a atesourar unha máis que salientable riqueza ornitolóxica. De feito, as poboacións nidificantes de especies como o paspallás, a garza pequena, a cegoña branca, a tartaraña cincenta, a gatafornela, a avefría común, o sisón, a calandriña ou a andoriña das barreiras son aínda hoxe as máis importantes de Galicia.

As areeiras atraen miles de aves acuáticas, especialmente lavancos e cerceta e resulta habitual a presenza de cercetas albelas, garzas vermellas, garzas da noite e pernalongas, entre outras especies. Perdices rubias, millafres negros, cucos, bubelas, petos formigueiros, andoriñas dáuricas, picas das árbores, rousinois, papuxas do mato e cabecinegras, folosas amarelas e escribentas comúns e riscadas forman tamén parte do elenco de especies limiás, que inclúe ata 240.

 

Consellos e recursos
  • Nas areeiras de Sandiás e Vilar de Santos podemos usar os observatorios ornitolóxicos. Lembra que estás nunha explotación mineira: hai que seguir as normas ou, eventualmente, as indicacións dos operarios. Bañarse está prohibido.

  • Tanto nos observatorios coma nas zonas esteparias é aconsellable o uso dun telescopio terrestre.

  • Para percorrer as veigas en inverno es imprescindible o uso de botas de auga.

  • Por onda as vías de comunicación cómpre que evitemos molestar as colonias de cría da andoriña das barreiras.

Arriba