Saída do Castro de Caldelas

Partiremos do Castro de Caldelas e dirixirémonos a Monforte de Lemos para desviarnos á esquerda cara á Teixeira. Subiremos á Teixeira (490 m.), dende onde xa temos unha impresionante panorámica do val do Sil. O noso percorrido transcorrerá todo el a media ladeira, cara ao oeste. Poderemos apreciar a beleza do casarío tradicional en Cristosende, e deleitarnos na fervenza natural do río Mao, que vén da Serra de Montederramo e desauga no Sil. Por terras de Sacardebois e Chandrexa chegaremos a Parada de Sil, capital do seu concello.

De Parada de Sil ao de Castro Caldelas

Dende alí faremos dous pequenos percorridos de ida e volta. O primeiro, aos Balcóns de Madrid, quizais o mellor miradoiro natural de toda a Ribeira Sacra. O segundo, ao mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil, para o cal teremos que baixar varios quilómetros por unha estrada solitaria, a través dunha frondosa vexetación. De volta outra vez á estrada xeral e a Parada, tomaremos a estrada cara a Vilariño Frío. Dende alí poderemos desprazarnos ao mosteiro de Xunqueira de Espadanedo. Volvendo sobre os nosos pasos, con dirección a Castro Caldelas, colleremos á dereita o desvío a Montederramo para visitar o mosteiro de Santa María, na capital do concello, e a Serra de San Mamede, co seu famoso bidueiral. Pola antiga estrada Ourense-Ponferrada chegaremos ao punto de partida, O Castro de Caldelas.

Arriba
Axúdanos a mellorar!