IGREXA DE SANTA EULALIA DE VEDRA

Relixioso
1283
No Camiño de Santiago

Localización

Parroquia: Vedra (Santa Eulalia)

Lugar: Pousada de Abaixo 1

15885  Vedra - A Coruña

Coordenadas:
42º 46' 30.9" N - 8º 28' 29.9" W

Descrición

Un Vía Crucis lévanos ata o alto no que, ante un fermoso adro, se atopa o templo. É de estilo barroco, sendo a capela maior a súa parte máis antiga, levantada a partir de 1755 en lugar doutra, xa caída, de menores dimensións. O corpo da nave foi reedificado en 1792. A planta do templo é rectangular con dúas capelas laterais a xeito de cruceiro. Os seus muros están realizados en cadeirado de granito. A cuberta, abovedada no interior, é de tella a dúas augas no exterior. A súa fachada é de grande sinxeleza cunha fornela sobre a portada coa imaxe da patroa. Dous pináculos rematan os extremos e un esvelto campanario (Baltasar Carvallo, 1809) coroa o vertice central da fachada.
No interior conserva tres retablos barrocos de indubidable valor artístico. Os dous laterais, da Virxe das Dores e de Cristo á Columna, foron realizados por Francisco de Moas entre 1744 e 1747. O retablo maior, encargado en 1761, débese ao entallador compostelano Manuel de Leys e a imaxe de Santa Eulalia atribúese a José Gambino.

Acceso

Dende o concello collemos a estrada DP-8203 dirección Ourense que se xunta ca DP-1202 a cal seguiremos recto. No terceiro cruce á dereita veremos un cruceiro e unha sinal que pon igrexa de Vedra que xa se pode ver.

Camiños de Santiago

Camiño de Inverno
Vía da Prata
Arriba