CAPELA DE SAN XIAO

Relixioso
716
No Camiño de Santiago

Localización

Parroquia: Fontefría (Santa Mariña)

Lugar: San Xiao 49

32171  Amoeiro - Ourense

Coordenadas:
42º 22' 54.9" N - 7º 56' 48.9" W

Descrición

Trátase dunha capela de moi reducidas dimensións e de planta rectangular construída en cachotes de pedra de diferentes tamaños e formas labrados polas caras exterior e interior. A súa cuberta é a dúas auga e está rematada por unha cornixa de pedra no seu piñón. A súa fachada está coroada por unha pequena espadana rematada nunha cruz antefixa e presenta unha pequena e modesta porta de acceso con lumieira; a capela tan só ten unha pequena fiestra cadrada no muro meridional que ilumina tenuemente o seu interior. O elemento máis característico desta capela é a presenza dalgúns elementos de orixe prerrománica e/ou tardorrománica. Tales elementos están constituídos por unha pedra decorada con motivos trenzados moi propios da cultura castrexa – segundo os investigadores, situadas nas lumieiras das vivendas cunha posible función protectora- que se encontra na testeira da capela, e por unha ara votiva dedicada ós lares viais – entes pagás protectoras dos viaxeiros e camiñantes- do período tardorromano que está sendo empregada desde tempos inmemoriais como pía bautismal. 

Acceso

Desde o Concello, tómase á esquerda cara a estrada que leva a Tamallancos. A uns poucos metro, no cruce, tómase a estrada á dereita que leva a Abruciños, continuando pola mesma deixando o pazo de San Damián á dereita ata chegar novamente a un cruce. Tomarase a man dereita ata chegar a uns 100 m a outro cruce, que tomaremos á dereita en dirección a Figueiras. A capela está pasados uns 200 metros o lugar de Figueiras, no medio dun agrupamento de casas que se chama San Xiao.

Camiños de Santiago

Vía da Prata

Estilos

Rexionalista
Arriba