NECRÓPOLE ROMANA E ALTOMEDIEVAL DE TINES

Depósitos arqueolóxicos
673

Localización

Parroquia: Tines (Santa Baia)

Lugar: Tines

15126  Vimianzo - A Coruña

Coordenadas:
43º 06' 41.2" N - 8º 58' 12.9" W

Descrición

A igrexa de Santa Baia de Tines garda baixo o seu chan os restos dunha vila romana e diferentes enterramentos de época tardorromana e altomedieval. Nunha escavación en 1951 con motivo do traslado da antiga ermida, coñecida como Ermida Vella, até o lugar da igrexa parroquial, atopáronse os restos dunha vila que contaría con catro salas, pórtico e hipocausto. Unha base de columna foi reaproveitada no cruceiro da fachada da igrexa.
Ademais descubriuse unha gran necrópole ou cemiterio, con tumbas que van do século I ao VIII. Hoxe poden verse no lugar varios sartegos, uns de forma oval (os máis primitivos) outros con forma humana (antropoides).
Pero sen dúbida, o achado arqueolóxico máis importante é a estela funeraria de Victorinus, que actualmente se atopa no Museo Arqueolóxico da Coruña. Nela distínguese un rudo gravado dun rostro humano coa inscrición VICTORINVS IN PACE ANNORVM CXX (Victorino, en paz, aos 120 (ou circa 20) anos. A fórmula “in pace” indica que o finado xa era cristián, polo que este vestixio podería constituír o primeiro testemuño epigráfico do cristianismo en Galicia, datado a finais do século IV.

Acceso

Saír de Vimianzo en dirección á Ruta dos dolmens e Tines. Os sartegos e restos están na igrexa parroquial de Santa Baia.

Accesibilidade

Peonil e/ou en autobús e/ou en coche.
Arriba