IGREXA PARROQUIAL DE SAN FIZ DE LOUGARES

Relixioso
442

Localización

Parroquia: Lougares (San Fiz)

Lugar: Lougares

36876  Mondariz - Pontevedra

Coordenadas:
42º 14' 09.3" N - 8º 24' 52.6" W

Descrición

A igrexa responde á modalidade de planta cruciforme, que se remata nunha cabeceira cadrada. Toda a fábrica é de cantaría.
A fachada principal organízase como un lenzo de configuración vertical, enmarcado entre pilastras laterais de festón vertical refundido, que se remata mediante un campanario central. Preside o frontispicio a porta de entrada, rectangular e rodeada dunha moldura con acabados nos ángulos e unha grosa talla vexetal sobre a clave. Flanquean este oco senllas pilastras toscanas, que sosteñen un entaboamento de friso convexo.
Sobre a porta disponse un frontón semicircular partido, que alberga unha fornela con remate en vieira, que alberga unha imaxe de San Fiz. O nicho aparece enriquecido con volutas laterais dispostas verticalmente, constituíndo o seu coroamento un frontón, tamén curvo e partido. Completan a portada dúas xanelas laterais rodeadas de molduras planas. Este paramento frontal remátase mediante senllas cornixas que traducen a inclinación da cuberta, e que arrincan das pilastras laterais para confluír no arrinque do campanario. A torre é de planta cadrada, e consta dun único corpo, enmarcado nos seus ángulos por pilastras laterais, entre as que se voltean arcos de medio punto, dispóndose arredor del unha balconada granítica. Coroa o campanario unha cúpula sobre tambor rodeado de volutas que se alternan con pináculos de bola, que tamén aparecen sobre as esquinas da fachada.

Acceso

Acceso en coche dende estrada autonómica PO-261.
Arriba