PAZO DE AS PALLAS

Civil
1080

Localización

Parroquia: Artes (San Xurxo)

Lugar: As Pallas

15109  Carballo - A Coruña

Coordenadas:
43º 11' 19.0" N - 8º 39' 33.7" W

Descrición

O pazo das Pallas atópase no lugar do mesmo nome, en Artes, parroquia onde tamén podes visitar o pazo de Vilar de Francos. Este das Pallas é do século XVII e o seu estilo é fundamentalmente barroco. A casa foi fundada no ano 1600 pola familia Pardiñas Villardefrancos e Becerra. Dende el temos excelentes vistas do val que o rodea.
O pazo ten dous andares e planta rectangular, cun engadido perpendicular. Os seus muros, pintados de branco, son de cachotería agás a cantaría de portas, fiestras, cornixa e esquinais. Tamén a cheminea é de cantaría, e está rematada en pináculos con bolas. No escudo, situado na fachada enriba da fiestra central, están as insignias das familias Bermúdez (un xadrez), Castro (seis círculos), Vilardefrancos (brazo armado con estandarte), Pardiñas (castelo con torre de homenaxe e rodeado de silvas) e unha última, representada por dúas espadas, e difícil de descifrar.
A finca está amurallada, conta con dependencias auxiliares como hórreo e capela e ten xardín e horta, cunha fonte.

Acceso

Desde o núcleo urbano, toma a AC 413 e percorre dous quilómetros ata o desvío á dereita no lugar da feira de Berdillo cara a CP-1903. Logo de pasar a igrexa parroquial de San Xurxo de Artes, percorre 600 metros seguindo as indicacións.
Arriba