PEPE VIEIRA

Restaurantes - 4ª Categoría - 1 Garfo
470
Calidade Turística

Localización

Parroquia: Raxó (San Gregorio)

Lugar: Serpe

Rúa: Camiño da Serpe s/n

36992  Poio - Pontevedra

Coordenadas:
42º 24' 33.5" N - 8º 45' 16.1" W

Descrición


    Entre a frondosidade do lugar de Camiño da Serpe xorde o restaurante Pepe Vieira a modo de illa dedicada á investigación e á creatividade coa gastronomía como razón de ser. Encabezando o proxecto dende hai 22 anos está Xosé T. Cannas, Pepe Vieira, con Óscar Abal como chef executivo.

    Dende fai un lustro, Vieira colabora co antropólogo Rafael Quintía na construción do seu propio universo culinario, denominado como “A última cociña do mundo”, ancorado ao territorio e integrado por receitas, historias e personaxes que conflúen nunha narrativa que articula unha proposta única.

    Este proceso levou ao departamento de I+D e ao equipo de cociña a desenvolver propostas conceptuais, dedicando varios meses de traballo a cada prato. Isto permite ofrecer aos clientes unha experiencia máis global, conducida a través dun ritual acolledor onde se eleva a experiencia.

    Vieira defende que para crear beleza hai que estar rodeado dela. Baixo esta premisa concíbese todo no restaurante, dende a presentación dos pratos á arquitectura contemporánea do edificio, pasando polo deseño da tipografía que lle dá identidade visual. Esta escenografía axuda a enxalzar a pureza que se desexa transmitir a través da súa proposta gastronómica.

    Este enclave elévase con vistas privilexiadas sobre a ría de Pontevedra, a súa principal despensa, predominando peixes e mariscos nos menús. Cos produtos da horta gústalles experimentar aproveitando a evolución, como no caso do grelo, traballando a semente, o xerme, o brote ou a folla, para obter distintos matices de sabor e texturas.

    Este proxecto funciona como visibilizador da contorna rural e constitúe un núcleo económico no que a constante trasfega de provedores e de clientes tamén contribúe a dinamizar outros negocios da zona.

    Un hotel, integrado na natureza e composto por catorce construcións individuais, chamadas pendellos, próximas ao restaurante, ofrece a posibilidade á clientela de gozar máis tempo desta contorna e sumarse a algunhas actividades deseñadas en exclusiva, como excursións pola ría ou roteiros polo monte para coñecer o patrimonio etnográfico. 

Estrelas Michelin

Estrela Verde
Estrelas Michelin: 2 Estrelas Michelin

Soles Repsol

2 Soles Repsol
Arriba