IGREXA PARROQUIAL DE SAN XIÁN DE ARTES

Relixioso
1142
No Camiño de Santiago

Localización

Parroquia: Artes (San Xián)

Lugar: O Outeiro

15969  Ribeira - A Coruña

Coordenadas:
42º 34' 33.9" N - 9º 00' 23.0" W

Descrición

Esta igrexa, de grande sinxeleza nos seus muros, presenta unha rica volumetría exterior. A planta, de forma rectangular, ten unha soa nave moi alongada, e está dividida en cinco tramos por arcos de medio punto rebaixados que arrancan dende unha cornixa a xeito de imposta. O cuarto tramo cóbrese cunha bóveda de cruzaría, produto do cruzamento das dúas bóvedas de canón, a da nave principal e a das dúas capelas laterais, que apenas sobresaen dos muros laterais. Na entrada da igrexa atópase a tribuna, feita en fábrica de cantería e que se apoia nun arco rebaixado que descansa en ménsulas nos muros. Os muros son de cantería de granito e as cubertas de tella. O cruceiro atópase iluminado por pequenas ventás que se abren nos seus catro lados. O ciborio, destaca volumetricamente do conxunto ao ser o corpo máis alto. A fachada é moi sinxela e simétrica na súa composición. Posúe unha porta rectangular con molduras no lintel e as xambas, e unha ventá situada enriba para iluminar a tribuna. A cornixa, a dúas augas con pináculos nos extremos, non chega a unirse no vértice por situarse a torre-campanario barroca. Levántase sobre unha base cadrada, con cornixa, o seguinte corpo componse de catro machóns unidos por arcos de medio punto. O último corpo, unha cúpula, arranca dunha cornixa con pináculos.

Acceso

Dende Ribeira tomamos a estrada xeral C-550 en dirección a Porto do Son e Noia. A 2 km aproximadamente do núcleo urbano atopamos unha rotonda. Tomamos a 2ª saída e na seguinte rotonda tomamos a 3ª saída en dirección a Corrubedo pola estrada CP-7304. A 900 m desta rotonda, tomamos o desvío á esquerda indicado para a igrexa, a que se atopa a 100 m do desvío. 

Camiños de Santiago

Ruta do Mar de Arousa e Ulla

Estilos

Barroco
Neoclásico
Arriba