IGREXA PARROQUIAL DE SANTA MARÍA DE CORRUBEDO

Relixioso
1087
No Camiño de Santiago

Localización

Parroquia: Corrubedo (Santa María)

Lugar: Corrubedo

Rúa Eirexa 13

15969  Ribeira - A Coruña

Coordenadas:
42º 34' 24.8" N - 9º 04' 26.0" W

Descrición

Esta igrexa do s. XIX é moi sinxela e de reducidas dimensións. De planta rectangular, consta dunha única nave lonxitudinal con dúas capelas laterais, capela maior e sancristía. Os muros son de perpiaño con cantería de granito nos contrafortes e esquinais, cornixa e o marqueado dos vans. Os muros están cubertos con enfuscado pintado de branco. A cuberta é a dúas augas con tella. A nave divídese en catro tramos por tres arcos faixóns de medio punto que sosteñen a bóveda de canón. No primeiro tramo atópase a tribuna á que se accede por unha escaleira en "L" pegada ao muro. No segundo tramo ábrese unha segunda entrada rematada por un arco rebaixado. No terceiro tramo, o cruceiro ten unha capela a cada lado, de planta rectangular e á que se accede por un arco de medio punto. Dende o presbiterio accédese á sancristía por unha porta situada no muro do fondo. O exterior é moi sinxelo. A simétrica fachada ten unha porta con arco rebaixado e sobre a mesma unha ventá coa mesma forma. O conxunto remátase cunha peita con dous arcos de medio punto que sosteñen as campás.

Acceso

Dende Ribeira, tomamos a estrada xeral C-550 en dirección a Porto do Son e Noia. Aproximadamente a 2 km do núcleo urbano atopamos unha rotonda na que tomaremos a 2ª saída. Na seguinte rotonda tomamos a 3ª saída en dirección a Corrubedo pola estrada CP-3704. A 7 km, aproximadamente, desta segunda rotonda atopamos un desvío á esquerda indicado cara o porto de Corrubedo, onde deixamos o coche. Dende o porto, ascendendo pola rúa Eirexa chegamos á igrexa, que se atopa a 100 m do aparcamento.

Camiños de Santiago

Ruta do Mar de Arousa e Ulla

Estilos

Neoclásico
Arriba