Un dos compromisos da Xunta de Galicia para este ano é o impulso ao Camiño de Santiago entre as mozas e mozos titulares do Carné Xove ata os 30 anos que poderán vivir a súa experiencia nalgunha das rutas xacobeas beneficiándose dun desconto de 200€ na adquisición do seu paquete turístico.
Que é o programa?
Trátase dunha iniciativa de Turismo de Galicia en colaboración co Clúster de Turismo de Galicia, as asociacións AGAVI, AVIPO e ATREGA e a Consellería de Política Social e Xuventude. O Xacobeo Xove pretende impulsar a experiencia do Camiño de Santiago entre a xuventude a través dun desconto de 200 euros que poderán empregarse en diferentes actividades e servizos ao longo de calquera das dez Rutas Xacobeas oficiais, do que poderán beneficiarse as persoas usuarias co Carné Xove activado que teñan entre 12 e 30 anos. Ademais, co obxectivo de reforzar o papel das axencias de viaxe entre os mozos/as, a iniciativa Xacobeo Xove articúlase a través das empresas de intermediación galegas, que serán as encargadas de comercializar a experiencia do Camiño de Santiago á mocidade interesada.
Como funciona?
A mocidade usuaria do Carné Xove poderá beneficiarse dun desconto único de 200 euros en servizos vinculados ao Camiño de Santiago a través das axencias de viaxe galegas dadas de alta no programa, sempre baixo as condicións estipuladas no programa e recollidas na web XacobeoXove.com
Os paquetes turísticos poden configuralos as axencias participantes no programa ou poden deseñarse de acordo coas necesidades de cada beneficiario, incluíndo diferentes servizos vinculados ao Camiño de Santiago en calquera das dez rutas oficiais (aloxamento, desprazamento ou servizos complementarios de diferente índole)