EDIFICIO DO COLISEO GARCÍA NOVOA

Civil
754
No Camiño de Santiago

Localización

Parroquia: Pontedeume (Santiago)

Lugar: Pontedeume

15600  Pontedeume - A Coruña

Coordenadas:
43º 24' 22.8" N - 8º 10' 12.6" W

Descrición

Onde hoxe se atopa a discoteca Coliseo, estivo o Mesón de Pontedeume, comprado por Cristina Novoa, muller de Pío García Espinosa, e no seu lugar, Luis García Novoa, construíu en 1928 o cine Coliseo, segundo traza do arquitecto Leoncio Bescansa. Funcionou como tal até a década dos anos 90 do século XX, pasando a converterse en discoteca. 
A súa organización segue os modelos dos teatros italianos, cunha fachada organizada en dous niveles horizontais e tres franxas verticais, unindo elementos arquitectónicos distintos que lle outorga un carácter entre modernista e elitista. Dous panos simétricos flanquean a entrada do edificio, que ten unha tripla arcada trazada con arcos de medio punto asentados en columnas de capitel corintio. Toda a fachada queda definida por pilastras clásicas, entre as que alternan pequenas columnas corintias con ventás que teñen a parte baixa decorada con cabezas e motivos vexetais. A liña da cornixa está decorada cunha balaustrada sobre a que aparecen catro aguias que agarran uns medallóns que levan inscritos o nome do edificio e a data de realización. O interior foi modificado en diversas ocasións. 

Camiños de Santiago

Camiño Inglés
Arriba