IGREXA PARROQUIAL DE SANTA MARÍA DE TARRÍO

Relixioso
906
No Camiño de Santiago

Localización

Parroquia: Tarrío (Santa María)

Lugar: Tarrío de Buxergos

27560  Monterroso - Lugo

Coordenadas:
42º 51' 07.9" N - 7º 49' 28.9" W

Descrición

Edificio de estilo románico, que se conserva íntegro. A súa fábrica remóntase a finais do século XII e principios do XIII. A planta é rectangular, cun presbiterio cadrado. Os muros que o conforman son principalmente de cantería de granito (a excepción da sancristía que é de factura posterior), e a cuberta é de tella a dúas augas. Loce canzorros de decoración xeométrica, vexetal e antropomorfa.
A ábsida é máis baixa e reducida que a nave, e accédese a ela por un arco triunfal de medio punto que a separa da nave.  O arco é dobrado, de aresta, con imposta lisa, axadrezado, cruces e zig-zag. As columnas son semiapegadas, de bases tóricas, plintos con garras e capiteis con motivos vexetais e antropomorfos. Conserva o primitivo sagrario nun dos muros laterais para reservar o Santísimo Sacramento. Outra singularidade nesta igrexa é a apertura no muro posterior dun van baixo a forma de arco de medio punto sen ornamentación e de maior anchura cós clásicos románicos.
 A nave conserva dúas seteiras a cada lado, e a ábsida unha no flanco dereito. A ábsida dispón ademais dunha porta alintelada de acceso dende o exterior, que se sitúa nun extremo do muro esquerdo. O frontis ten unha portada con arco de medio punto, formado por dúas arquivoltas, con dous pares de columnas acobadadas, con fustes monolíticos e capiteis de decoración variada. O tímpano é liso e descansa en xambas lisas sobre mochetas. Sobre a portada hai unha troneira. A espadana foi reformada e posúe un só campanil.
Conserva unha pía bautismal prerrománica á que na actualidade se dotou dun pé.

Camiños de Santiago

Camiño Francés
Arriba