CASA DE CARBALLIDO

Civil
19

Localización

Parroquia: Merille (Santa Eulalia)

Lugar: O Agro

27866  Ourol - Lugo

Coordenadas:
43º 35' 03.3" N - 7º 37' 48.9" W

Descrición

Casa indiana: estilo arquitectónico: Eclecticismo.
Construída en 1928, esta vivenda tamén se viu privada do seu peche orixinal, como ocorreu con outras casas indianas situadas ao longo da estrada polas obras de ampliación da mesma, de forma que a construción actual está precedida por un zócalo de bloque sobre o que se colocan uns balaústres de deseño actual e que desvirtúan o complexo.
O conxunto conta con diversas edificacións diseminadas pola parcela; fronte á fachada do mediodía disponse unha construción de dúas plantas e cuberta, mentres que no extremo setentrional álzase un garaxe que presenta unha orixinal fachada graduada.
A vivenda enmárcase dentro do estilo do eclecticismo que permite ao indiano proxectar os seus desexos de aparencia e monumentalidade. A fachada principal presenta a pouco frecuente solución do arco de medio punto coroando o van de entrada á vivenda. A ambos os dous lados, as xanelas locen o encintado que simula sillares nas faixas extremas do paramento. Nunha das fachadas laterais ábrese unha galería soportada por tres alicerces de formigón que forman un soportal. En orixe, este elemento acristalado respondía aos tradicionais vans de madeira con apertura en guillotina; pero debido ao seu pésimo estado de conservación substituíuse pola galería. Destacan as carpinterías onde todos os vans están rematados en arco rebaixado ou en arco de medio punto que se pechan con dúas follas cara ao interior. Sobre elas disponse unha parte superior fixa fragmentada en pequenos cadrados que se adaptan ao nivel curvo do dintel.
Arriba