CASA DE PITA

Civil
262

Localización

Parroquia: Merille (Santa Eulalia)

Lugar: Pousada

27866  Ourol - Lugo

Coordenadas:
43º 35' 28.5" N - 7º 37' 27.7" W

Descrición

Casa Indiana: estilo arquitectónico: Eclecticismo.
A vivenda foi promovida por Francisco Carballido e construída en 1928. Situada á beira da estrada comarcal 620, esta casa -como outras - tamén se viu privada do seu peche orixinal debido ás obras de ampliación e mellora do vial. O xardín que estaba situado enfronte da vivenda viuse reducido, de modo que na parte frontal da vivenda só consérvase a escalinata balaustrada de acceso á vivenda. A leira duns 1500 metros cadrados de extensión está salpicada de varias especies arbóreas propias da zona.
A construción está formada por dúas plantas e unha baixo cuberta; encostado ao lateral esquerdo, álzase unha cocheira dunha soa planta rematada en terraza balaustrada. O lateral oposto está ocupado por unha galería de dúas plantas de grandes dimensións.
O elemento máis representativo desta vivenda é sen dúbida a súa fachada a cal establece unha diferenza entre a parte inferior, composta por un revogo que simula xuntas horizontais, e os paramentos lisos e alaranxados da planta superior. O conxunto está rematado por unha singular bufarda teitada con cuberta a dúas augas de gran pendente que finaliza nunhas tablillas a modo de frontón; este elemento, típico das vivendas rústicas centro europeas, coróase cun pináculo de madeira.
Arriba