IGREXA DE SANTA MARÍA DE CEREO

Relixioso
229

Localización

Parroquia: Cereo (Santa María)

Lugar: Cereo Vello

15147  Coristanco - A Coruña

Coordenadas:
43º 12' 27.0" N - 8º 48' 06.9" W

Descrición

Igrexa parroquial illada, nun entorno rural, con cemiterio na parte posterior. A planta do edificio é rectangular dunha soa nave con dous volumes anexos, un a cada lado que se corresponden coa sancristía e unha pequena capela. Na fachada principal con orientación Oeste distínguese a porta de acceso alintelada cun arco de medio punto elaborado con doelas de cantería. Enriba sitúase unha fornela cunha imaxe labrada en pedra da Virxe co Neno en brazos. A continuación no eixo vertical central atopamos un oco semicircular con molduras. Nos laterais dous contrafortes de cantería. O pinche ten forma de arco campanulado con molduras e dous pináculos. Cabe destacar a torre campanario situada no eixo central, de planta cuadrangular e dividida en tres corpos. O inferior é a base con cornixa sobre a que se asenta o corpo de campás formado por catro machóns unidos por arcos de medio punto e varandas de pedra. O tramo final constitúese por unha cúpula sobre un tambor de sección octogonal con oito ventás e rematada por un pináculo con bola e unha cruz de ferro.

Acceso

Dende Coristanco tómase a estrada cara a Agualada. De alí tómase desvío cara a Buño. No km 7 a man dereita chégase á igrexa.
Arriba
Axúdanos a mellorar!