CASA DO CONCELLO DE PONTEDEUME

Civil
1003
No Camiño de Santiago

Localización

Parroquia: Pontedeume (Santiago)

Lugar: Pontedeume

Rúa Real 13

15600  Pontedeume - A Coruña

Coordenadas:
43º 24' 22.9" N - 8º 10' 13.9" W

Descrición

Edificio emblemático do casco histórico da vila. Pontedeume contou cunha casa do Concello dende a súa fundación como vila, aló polo 1270, o edificio primoxénito foi destruido polas lapas do incendio que asolou a vila en 1607. 
A configuración da fachada actual, coa torre de reminiscencias medievais con entrada independente en arco de medio punto, remóntase ao primeiro cuarto do século XVII. Desmontouse no ano 1974 e volveuse montar coas mesmas pedras, momento no que se reforma totalmente o seu interior. Na devandita fachada destaca o escudo de armas de Don Fernando Ruíz de Castro, casado con Dona Tareixa de Andrade, do século XVI. Labrado en seis perpiaños, aparecen representadas as quinas e castelos de Portugal, o león e o castelo do reino de Castela e León; as barras de Aragón e Sicilia; os roeis dos Castro; os leóns e castelos dos Enríquez e os lobos dos Osorio.  O escudo aparece rodeado de catro esferas coa lenda SPES MEA IN DEI (“miña esperanza está posta en Deus”), complementan a ornamentación unha coroa de sete floróns, trala que aparece un anxo. As esferas están sostidas por uns fermosos entrelazados de animais quiméricos e flores tropicais. 
Na fachada sitúase a porta principal de entrada en arco rebaixado e dúas ventás. En cada altura conta con tres vans. A entrada, agocha outro escudo, neste caso, o da propia vila. 

Camiños de Santiago

Camiño Inglés
Arriba