VILA DE LAXE

Etnográfico
3456

Localización

15117  Laxe - A Coruña

Coordenadas:
43º 13' 19.5" N - 9º 00' 21.9" W

Descrición

A vila de Laxe, era a saída marítima natural da casa condal dos Moscoso de Altamira nas terras de Soneira. A primeira vista, maniféstasenos nesta vila, un importante porto, os vestixios da súa arquitectura medieval, sobresaíndo a igrexa da nosa Señora da Atalaia e a Casa do arco, que conformaban un espazo amurallado, propio das vilas medievais. 
Dentro do recinto articulábanse os espazos urbanos ao redor de dúas rúas, así a rúa Real e a Rúa do Sol, atravesaban a vila de Leste a Oeste, deixando ao seu paso pequenas prazas unidas por unha especie de rúelas moi estreitas. 
Polo menos tres portas deberon existir na vila: así a porta de “Cima” ou do Hospital, situábase na parte superior en dirección oeste; A de “Baixo” ou Porta Real, situábase na casa do Arco, a cal como corresponde estaría timbrada polo escudo real, como aquí sucede ao situarse no seu interior un escudo do Reino de Galicia do século XV, ademais do escudo dos propietarios da fortaleza que serviría de defensa (Condes de Altamira), tal e como aquí ocorre. 
Desta porta, partiría o “Camiño Real” en dirección á cidade de Coruña, por Carballo, isto cara ao exterior, pois de fronte ao interior desenvolveríase a “Rúa Real ou do Camiño Real” en dirección á igrexa da Atalaia, precisamente nas súas inmediacións acharíase o “Postigo” que seria un pequeno acceso fortificado para o servizo do porto.
Este mesma esquema urbano achámolo así mesmo en vilas mariñeiras como Viveiro ou Ribadeo, en vilas de interior como Vilalba, onde salvando as diferenzas existentes, vemos que o esquema principal repítese.
Como calquera vila medieval, Laxe tiña os consabidos puntos fortificados, situados a ámbolos extremos do perímetro amurallado, así o mais occidental, representado pola Atalaia, onde se emprazou a igrexa parroquial, deféndese por un muro semicircular que lembra un gran cubo de muralla, e no cal estivo emprazado antano unha troneira de canóns para a defensa da vila e da ría. A outra parte do recinto coincidiría co emprazamento da Casa do Arco. 
Será a finais do XIX cando a vila experimente un crecemento fóra do seu recinto tradicional, primeiramente en torno ao Camiño Real, e posteriormente na parte limítrofe co areal, tamén por estas datas, construiranse os edificios da Rúa do Cantón, e unha  praza maior digna e fermosa, a Praza de Ramón Juega.
Comezado o século XX, a vila seguiu expandíndose cara fora, coa construción de máis edificios, moitos deles promocionados por unha burguesía local enriquecida polo comercio, así como a construción das “casas Sindicais” nos anos 50 para dar paso posteriormente as novas urbanizacións, o paseo marítimo e as novas dependencias municipais, como consecuencia do desenvolvemento turístico da vila. 
A arquitectura industrial tivo tamén cabida dentro do núcleo urbano de Laxe, coas desaparecidas Fábricas de Salga e alfolies, así como as construcións desenvolvidas pola actividade mineira de Kaolines de Lage SL (a vella cheminea de ladrillo, ou os chalés da Mina). 
De todo este devir histórico conservase en Laxe a súa Igrexa Parroquial de Santa María da Atalaia, o adro da atalaia, a Casa do Arco, as casas da burguesía local (Casa de Isidro Parga Pondal), a Praza de Ramón Juega, a casa da Rúa da Andaluza, estreitas rúelas, a tumba dos náufragos do Adelaide, e unha gran cantidade de casas tradicionais de pedra, fontes, cruceiros, hórreos, e pequenas prazas. 
Polo camiño foron desaparecendo casonas de pedra, o antigo cárcere, o hospital de curas, o hospital de pobres e enfermos, fontes, almacéns, fábricas, o peitoril...etc.
Arriba