IGREXA PARROQUIAL DE SAN MARTIÑO DE CUMBRAOS

Relixioso
924
No Camiño de Santiago

Localización

Parroquia: Cumbraos (San Martiño)

Lugar: Cumbraos de Abaixo

27215  Monterroso - Lugo

Coordenadas:
42º 48' 47.9" N - 7º 50' 06.0" W

Descrición

Forma conxunto arquitectónico co pazo de Cumbraos. Posúe o típico trazado románico de nave de altura máis elevada e ábsida de menores dimensións, ambas de planta rectangular con muros de cantería de granito e cuberta de tella a dúas augas.
A portada ten arco de medio punto de arquivolta tórica e ancha escocia, columnas con fustes dunha soa peza, capiteis decorados e tímpano liso. A espadana é dun só van.
Nas paredes exteriores da nave hai canzorros con decoracións variadas e dúas seteiras en arco de medio punto sen ornamentación. A que se achaba no arco triunfal, con abucinamento, foi tapiada. Na ábsida existe tamén unha ventá seteira cun arco que non posúe columnas nas que apoiarse, senón que descarga sobre o muro. 
Na liña do arco triunfal (de medio punto, lixeiramente peraltado e de sección rectangular) hai dous enterramentos pertencentes á casa da Torre, que se atopa nas inmediacións, co escudo de armas nunha delas. No interior consérvase unha pía bautismal de granito, con decoración de sogueado no bordo superior.
O retablo da capela maior é de estilo rococó e presenta a seguinte inscrición: este retablo pintouse sendo cura o s.d. Manuel Castro Pérez no ano de 1878.

Acceso

En Monterroso é preciso tomar a pista do Marco (indicada). A uns 4 km, na aldea de Cumbraos, cómpre tomar unha pista á man esquerda que nos conduce despois de medio km ata o conxunto pazo-igrexa.

Camiños de Santiago

Camiño Francés
Arriba