IGREXA PARROQUIAL DE SAN MIGUEL DE PENAS

Relixioso
769
No Camiño de Santiago

Localización

Parroquia: Penas (San Miguel)

Lugar: A Vacaloura

27568  Monterroso - Lugo

Coordenadas:
42º 48' 16.9" N - 7º 47' 35.9" W

Descrición

A igrexa forma parte dun conxunto maior constituído polo pazo e a torre de San Miguel de Penas. Un corredor une o pazo coa parte alta da igrexa.
O templo era orixinariamente románico, do século XII, aínda que sufriu reformas posteriores como a da espadana, a sancristía ou a ábsida. A nave é rectangular e a sancristía e a ábsida cadradas. Os muros que a conforman son de cachotería e cantería de granito e a cuberta de tella a dúas augas.
A portada principal é de medio punto, con arquivoltas con columnas acobadadas, fustes dunha peza e capiteis. O tímpano é alintelado, con mochetas de motivos sinxelos. Tamén románica é a porta sur, moi alta e estreita, con arco interior apuntado e oculto cara a fóra por un lintel.
O arco triunfal presenta lixeiro peche no arranque, con dúas arquivoltas de aresta e capiteis esquemáticos. Son abundantes os canzorros que se conservan no beirado.
No piso da igrexa hai tres laudas sepulcrais, das cales unha ten o escudo coas armas dos Taboada. A imaxe pétrea de san Miguel, algo posterior á data de edificación da igrexa, desapareceu.
A portada está rematada cunha espadana barroca de dous vans. No interior consérvase unha pía bautismal do alto medievo. 

Acceso

Saíndo de Monterroso seguir cara a Lugo. A 3,8 km coller o desvío á esquerda. A uns 800 metros está a igrexa.

Camiños de Santiago

Camiño Francés
Arriba