IGREXA PARROQUIAL DE SAN SALVADOR DE VALBOA

Relixioso
774
No Camiño de Santiago

Localización

Parroquia: Valboa (San Salvador)

Lugar: Vilance

27569  Monterroso - Lugo

Coordenadas:
42º 45' 01.0" N - 7º 49' 29.9" W

Descrición

Igrexa do século XII, formada por nave rectangular e ábsida da mesma forma. Os muros son principalmente de cantería de granito e cuberta de tella a dúas augas. Nun perpiaño conserva a inscrición da data da súa construción, e igualmente coñecemos o nome do mestre de obra, un tal Pelagio. O frontis foi reformado; malia todo conserva porta alintelada con mochetas zoomorfas, e sobre ela elévase o tímpano e arco semicircular de aresta, gornecido por outro arco incompleto nos arranques a un e outro lado.
As ventás dos muros testeiros tanto da nave coma da ábsida seguen o mesmo modelo construtivo, dispoñen de arco de medio punto, columnas acobadadas e capiteis de decoración vexetal. Non se conserva a da fachada principal. 
No interior do arco triunfal posúe dúas arquivoltas de sección rectangular; érguese a interior sobre unha imposta que a separa do muro e a exterior apoiase en columnas apegadas monolíticas, sobre as que se sitúan os capiteis e as impostas. Os capiteis historiados figuran a adoración dos reis magos e a resurrección.

Acceso

Saíndo de Monterroso tomar dirección Taboada. A 3,9 km tomar pista á dereita. A 1,8 km tomar desvío á dereita. A 1,3 km tomar pista á esquerda ben sinalizada. A 600 m está a igrexa.

Camiños de Santiago

Camiño Francés
Arriba