MUSEO DE PONTEVEDRA

Museos e coleccións
5063
Calidade Turística
No Camiño de Santiago

Localización

Rúa Padre Amoedo Carballo 3

36002  Pontevedra - Pontevedra

Coordenadas:
42º 26' 00.6" N - 8º 38' 31.0" W

Descrición

O Museo de Pontevedra é unha das institucións culturais máis recoñecidas de Galicia polo seu labor investigador e de promoción cultural e pola relevancia e heteroxeneidade das obras que custodia: pintura, escultura, fotografía, mobiliario, cerámica,  fondos arqueolóxicos, etnográficos, documentais e bibliográficos, ademais da maior colección de obras de Castelao, figura clave da cultura e a política galegas. 
O Museo foi creado en 1927 por iniciativa da Deputación de Pontevedra e abriu as súas portas dous anos despois. Conta con sete sedes distribuídas polo conxunto histórico de Pontevedra. Percorrelas permite coñecer o desenvolvemento da historia e a arquitectura locais, desde os restos medievais de San Domingos ata os fermosos pazos barrocos (actualmente en reforma) da praza da Leña, pasando polos inmobles da rúa Pasantería agrupados para o seu uso museístico. O paseo continúa no antigo colexio xesuíta, unido por dúas pasarelas de cristal ao edificio contemporáneo ao que dá nome Castelao. O percorrido remata no convento de Santa Clara, un espléndido conxunto arquitectónico con máis de sete séculos de historia que se rehabilitará para acoller a sétima sede do Museo.
A exposición permanente do Museo pode visitarse actualmente nos edificios Castelao e Sarmiento. Na colección de arqueoloxía destacan, entre outras, as pezas de ourivería, que inclúen o maior tesouro de ouro da prehistoria en Europa. O percorrido pola arte galega lévanos desde o século XIV ata principios do XXI: atopámonos o único retablo medieval pintado galego que chegou ata os nosos días, os relevos barrocos de José Gambino e José Ferreiro, as paisaxes románticas de Jenaro Pérez Villaamil, os pintores da xeración doente e os nomes que marcaron o devir artístico século XX: Sotomayor, Arturo Souto, Maruja Mallo, Laxeiro, os membros do Grupo Atlántica... Dúas salas céntranse na obra de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, sen o que non se entende o pasado século en Galicia.
O Museo dedica tamén salas á arte española dos séculos XIX e XX, nas que atopamos obras de Sorolla, Ramón Casas, Dalí, Antonio Saura, Juana Francés... Conta, ademais, con salas dedicadas á arte da represión e o exilio, ao violinista Manuel Quiroga, á cerámica de Sargadelos, aos principais alfares españois dos séculos XVI-XVIII e á arte e a porcelana asiática-oriental. 
A proposta do Museo para as persoas que o visitan inclúe un completo calendario de exposicións temporais e un programa continuo de seminarios e conferencias, ademais de actividades para todo tipo de públicos: visitas guiadas, obradoiros, concertos...
O Museo alberga tamén un importante arquivo de imaxes e documentos e unha gran biblioteca especializada.  

Camiños de Santiago

Camiño Portugués
Camiño Portugués da costa

Máis información

https://museos.xunta.gal/es/pontevedra

Tipos de servizos

Acceso a minusválidos
Cafetería
Restaurante
Tenda
Patrimonio cultural Museos e coleccións Museos e coleccións visitables
Data de recollida inicial: 31/03/2012
Arriba
Axúdanos a mellorar!