IGREXA PARROQUIAL DE SAN PEDRO DE VILANOVA

Relixioso
784
No Camiño de Santiago

Localización

Parroquia: Vilanova (San Pedro)

Lugar: Vilanova

27215  Monterroso - Lugo

Coordenadas:
42º 49' 33.9" N - 7º 49' 28.9" W

Descrición

É unha igrexa de estilo románico, construída na segunda metade do século XII, con reformas importantes, no frontis, do XVIII.
A nave é de planta rectangular, con ábsida cadrada, e os muros que a conforman son de cachotería e cantería de granito; a cuberta é de tella a dúas augas. 
Presenta ventás seteiras, unha a cada lado dos muros laterais, unha sobre o arco de triunfo e outra no testeiro. Tres delas con arco de medio punto e abucinamento interior. Unha das laterais é alintelada.
O arco triunfal é de medio punto, lixeiramente pechado nos saimeis, con dúas arquivoltas de aresta viva. A interior descansa sobre as pilastras do muro con imposta de bólas e a exterior arranca de columnas acobadadas con capiteis con motivos vexetais.
No beirado presenta canzorros de diferentes formas: antropomorfos, de animais, xeométricos e vexetais.
A portada principal está rematada cunha espadana de dous corpos, cun van cada un.
No adro atópanse varios sarcófagos antropomorfos escavados na rocha.

Acceso

Dende Monterroso tomar dirección Cumbraos. A 3,8 km tomar desvío á dereita sinalizado. A 1,4 km está Vilanova. Aquí tomar desvío á esquerda e a 300 m está a igrexa.

Camiños de Santiago

Camiño Francés
Arriba