II Exposición Pazo de Fonseca

Camelia Flor de Galicia


Durante os días 29 e 30 de marzo, terá lugar no Pazo de Fonseca unha exposición sobre a flor emblemática de Galicia: A camelia.

 

Os visitantes terán unha ocasión única de gozar dun impresionante espectáculo de beleza e cor difícil de ver noutros lugares de Europa. Vanse expoñer máis de 200 variedades de camelia, pertencentes a 25 coleccións privadas, cultivadas por amantes desta flor, e que só poden contemplarse en ocasións como esta.

En Galicia celébrase anualmente un importante número de exposicións en torno á camelia, sendo esta un caso excepcional, xa que se celebra en Santiago de Compostela, en plena Semana Santa, e no incomparable escenario do claustro do Pazo de Fonseca, situado xunto á Catedral.

Nesta edición, a exposición tamén vai servir de escenario para presentar unha escollida mostra de pezas de artesanía galega, dunha forma orixinal e totalmente integrada cos belos exemplares de flor de camelia que se van exhibir no claustro de Fonseca.

Con esta exposición queremos animar, os que se acheguen a Santiago de Compostela a pasar estes días de Semana Santa, a coñecer unha das experiencias turísticas máis belas de Galicia: "A Ruta da Camelia", que permitirá ao visitante descubrir espectaculares xardíns-enchidos de flor en pleno inverno- e magníficos pazos que, ademais de formar parte do patrimonio histórico de Galicia, están vinculados a cultura vitivinícola das Rías Baixas. Natureza, historia e gastronomía na máis pura esencia galega.
Por este motivo instalarase un punto de información destinado a asesorar os visitantes sobre Galicia, en xeral, e esta ruta, en particular.
Así mesmo, na tenda da Universidade, situada no mesmo claustro de Fonseca, vanse vender produtos relacionados coa camelia: aceite de camelia, xabóns e mesmo artesanía realizada en torno a esta flor (aneis, broches, pendentes, etc...)

Pazos e Xardíns... no mapa...

Necesita javascript para ver o mapa

Arriba