- Atrás

Declarada Monumento Histórico-Artístico en 1986.

No s. IX, o bispo Teodomiro de Iria Flavia identifica un templete romano como a tumba do Apóstolo Santiago. A raíz deste descubrimento o rei Alfonso II o Casto manda erixir un modesto templo en torno á devandita construción pagá. O aumento das peregrinacións e certa estabilidade tras os ataques árabes conducen a unha nova construción que se inicia no ano 1075, durante o reinado de Alfonso VI e baixo a dirección arcebispal de Diego de Peláez.  Iníciase así a construción da catedral románica que continúa durante o arcebispado de Diego Xelmírez e que xa non parará ata converterse no grande templo que hoxe podemos contemplar.

A catedral está construída en cadeirado de granito con cubertas de laxes no mesmo material. Construción románica de planta de cruz latina, brazo lonxitudinal e transepto de tres naves, deambulatorio na cabeceira e tribuna que percorre todo o perímetro; capelas laterais que se dispoñen ordenadamente ao longo de todo o templo e posúen un espazo con individualidade propia, de época románica só se conservan algunhas do deambulatorio.

Naves laterais cubertas con bóveda de aresta, nave central con bóveda de canón peraltada e suxeita por arcos faixóns e triforio con cuarto de canón. A fachada da Acibechería é neoclásica (Ventura Rodríguez e Lois Monteagudo). A fachada das Praterías é románica e paradigma da iconografía medieval. A Porta Santa, barroca (1611), só se abre os anos santos. A fachada do Obradoiro (Fernando Casas e Novoa, 1738-1750) é unha combinación de pedra e vidro, destacando o grande ventanal do corpo central, dos maiores anteriores á Revolución Industrial.

Arriba