CAPELA DE SAN ALBERTE

Relixioso
1495
No Camiño de Santiago

Localización

Parroquia: Ribeira (Santa Uxía)

Rúa: Monte de Santo Alberte

15960  Ribeira - A Coruña

Coordenadas:
42º 34' 39.0" N - 8º 59' 47.9" W

Descrición

Esta capela está situada no cume do monte do mesmo nome, a 207 m. de altitude, e dende este hai unha fermosa panorámica sobre Ribeira, cara a un lado, e sobre o Parque Natural de Corrubedo, cara ao outro. Esta construción, de reducidas dimensións, data do s. XI, aínda que de época románica só conserva o presbiterio. O resto da nave e a sancristía datan do s. XVIII. De planta rectangular, a capela maior diferénciase da nave por ter esta última un ancho maior e o chan de cemento fronte ao lousado en pedra da capela maior. A cuberta é a dúas augas con tella curva do país e os seus muros son de cantería irregular de granito. A sancristía está pegada ao presbiterio no seu lado norte e foi construída aproveitando os materiais doutra capela. Na capela maior consérvanse dúas semicolumnas pegadas ao muro e, no testeiro, unha ventá románica con arco de medio punto con riberete exterior e apoiado en ménsulas e dous columniñas con base e capitel. A fachada é de gran sinxeleza e nela só se abre o van rectangular da porta. Nela ten lugar a romaxe de San Alberto, coñecida como a romaxe "de cambio de tella". A celebración, na que participaban as esposas dos mariñeiros coa intención de acelerar a chegada dos maridos, consistía en ir movendo unha das tellas da cuberta da capela dende o sentido dun punto cardinal cara ao contrario para regular a dirección dos ventos no sentido favorable.

Acceso

No núcleo de Ribeira, no cruzamento situado ante o centro comercial Halley, tomaremos a estrada C-550 en dirección Porto do Son e Noia. Ascendendo por esta estrada, a 1,5 Km., chégase á rotonda de Xarás, que ten un pequeno barco pesqueiro, a xeito de escultura, no seu centro. Tomaremos a segunda saída da dereita, a do Polígono de Xarás, xa visible dende a rotonda. Seguiremos ata o final do polígono e onde se remata o asfalto continuaremos pola pista de terra que nos conducirá ao alto do monte de Santo Alberte.

Camiños de Santiago

Ruta do Mar de Arousa e Ulla
Arriba