PENA CORNEIRA

Espazos naturais
6039

Localización

Ourense

Avión | Carballeda de Avia | Leiro

Coordenadas:
42º 21' 51.4" N - 8º 10' 57.3" W

Descrición

Pena Corneira situada no municipio de Carballeda de Avia, acada os 675 m. Desde a distancia, é facilmente distinguible grazas a unha pena alongada e disposta en vertical, que a coroa e dá nome. Algúns cren ver nela a silueta dun unicornio.
O “menhir” do Ribeiro
O corno de pedra duns dez metros en vertical érguese sobre outros grandes pelouros para asomar íntegro entre a vexetación. Deste xeito, Pena Corneira constitúe o referente visual desde case calquera punto do val do Avia, na comarca vitivinícola do Ribeiro. Acompáñano ademais moitos outros penedos de curiosa feitura ou combinación. Entre eles predominan os bolos de formas arredondadas, amontoadas, corredores entre paredes pétreas, pías e outras formas erosivas. Todo isto nunha paisaxe de media montaña que conserva ademais a súa cuberta vexetal autóctona en moitas partes.
A subida pode realizase a pé pola ruta de sendeirismo que parte do parque fluvial de Leiro, a uns nove quilómetros do cume. O camiño está acondicionado con pasarelas e escaleiras nos treitos máis abruptos e ten interesantes derivacións á área etnográfica do Regato do Foxo, cun conxunto de seis muíños e trinta hórreos rehabilitados, ou cara á igrexa románica de San Tomé (Serantes). Tamén se pode acceder en coche ata o parque forestal próximo á propia base de Pena Corneira ou, desde o mesmo lugar, ao miradoiro do Outeiral. Sen dúbida os mellores sitios desde onde gozarmos deste Monumento Natural, por extensión o meirande da comunidade autónoma.
Linda con este espazo protexido o bosque de Ridimoas (Beade), propiedade da asociación cultural-ecolóxica do mesmo nome que promove a súa rexeneración e difusión didáctica.

Acceso

Desvíos na estrada provincial OU-504 (Ribadavia-O Carballiño), ben en Leiro ou ben Beade, (OU-212) cara ao concello de Avión. Para acceder ao Corno, polo Concello de Carballeda de Avia, pola OU-306 que enlaza coa OU-504 na localidade de San Cristovo (Ribadavia).

Situación

Comarca ourensá do Ribeiro, concellos de Carballeda de Avia, Leiro e Avión.

Superficie

998 ha.

Servizos

Aloxamento e comida nas localidades próximas.
Arriba