CAPELA DE SANTA CRISTIÑA

Relixioso
894

Localización

Parroquia: Berdoias (San Pedro)

Lugar: Santa Cristiña

15128  Vimianzo - A Coruña

Coordenadas:
43º 05' 08.4" N - 9º 04' 49.0" W

Descrición

O pequeno lugar de Santa Cristiña é un interesante conxunto etnográfico no que ademais de diferentes construcións como un antigo curro, hórreos, eiras ou a fonte milagreira pódese ver unha pequena capela. O culto a Santa Cristiña está directamente ligado coa tradición agraria da zona. Baixo o altar da capela hai un pequeno oco tapado cheo de terra sagrada á que se lle atribúen propiedades curativas para as vacas. A tradición manda coller unha presa de terra e pendurala no pescozo das vacas durante nove días. Con esta fórmula procúrase conseguir que a vaca estea libre de enfermidades e que teña bos partos. Unha vez pasado este período de tempo, a terra debe ser devolta á ermida, e seguindo a tradición débese dar unha esmola á santa na troca da axuda.

Acceso

Desde o centro de Vimianzo viaxar dirección a Fisterra. Despois de pasar Vilaseco e antes de chegar a Berdoias, xirar á dereita en dirección á Pedra do Frade e Carnés. A estrada pasa por diante da capela no lugar de Santa Cristiña.
Arriba