Descrición
A zona divídese tradicionalmente en tres tramos: a fonte monumental ou «Burga de Abaixo» (s. XIX), a explanada central, onde se atopa a piscina termal, e a «Burga de Arriba» (s. XVII). Un paseo na zona superior permite gozar dos restos arqueolóxicos aquí atopados, onde destaca unha piscina-santuario do século I d.C., e conecta directamente co centro de interpretación arqueolóxico-termal.
No nivel inferior, atópase a recoñecible silueta da «Burga de Abaixo», fonte de estilo neoclásico (s. XIX). Consta de dous canos laterais e unha pía labrada con florón no centro, coroada polo escudo da cidade. Foi deseñada a modo de ninfeo, morada de ninfas, evocando o pasado romano da zona que xa entón se intuía. Nun lateral atópase o «Fervedoiro», un estanque cadrado onde se pode ver a auga burbullante, en aparente ebulición.
A fonte recibe o seu nome en oposición á «Burga de Arriba», que está xunto á piscina termal, de factura máis sinxela e popular pero tamén máis antiga (s. XVII). No recinto da propia piscina, catro réplicas de aras ou pedras votivas atopadas na zona, testemuño do culto antigo ás deidades moradoras destas augas quentes, a quen se atribuían as súas propiedades terapéuticas. Destaca a primeira pola esquerda, en honra das ninfas, e na que aparece Calpurnia Abana, nome coñecidísimo en Ourense por considerarse durante moitos anos o primeiro rexistrado nos anais da cidade. A inscrición da ara de Calpurnia aparece reproducida tamén nun mural da propia piscina, e ao seu carón dúas esculturas modernas, A casa da nube (Borrajo, 1989) e Calpurnia Abana (Acisclo, 1989).