MIRADOIRO DE SAN PEDRO

Áreas de recreo e miradoiros
2969
No Camiño de Santiago

Localización

A Coruña - A Coruña

Coordenadas:
43º 22' 38.6" N - 8º 25' 58.8" W

Descrición

O miradoiro de San Pedro permite unha privilexiada mirada sobre a Coruña e a súa perfecta fusión co Atlántico, protagonista absoluto da cidade.
Localizado no extremo oeste, o monte de San Pedro preside dende o alto a enseada do Orzán. Ao abeiro desta, as praias do Orzán, Matadoiro e Riazor invitan ao baño en plena cidade. Lugar singular, onde o espazo é unha extensa zona de lecer que conta con diversos atractivos como a Cúpula Atlántica (miradoiro cuberto con vistas de 360 grados e elementos didácticos interactivos), o Centro de interpretación da batería (que nos lembra a relevancia estratéxica deste lugar) e o Ascensor panorámico, singular medio que evita o desnivel entre o Paseo Marítimo e o alto de San Pedro.
Á primeira vista o conxunto urbano non agocha os diversos detalles que se poden observar dende este punto: o obelisco Millenium, monólito de cristal que conmemora o cambio de milenio e serve de referente visual ao paseante; o Aquarium Finisterrae, coñecido como a Casa dos Peixes, museo e centro de divulgación que permite un completo repaso á costa galega e a Torre de Hércules, faro de orixe romana que data do século I d.C, o faro en funcionamento máis antigo do Mundo, declarado Patrimonio da Humanidade pola Unesco no ano 2009.
Ao lonxe, pódese ver o Golfo Ártabro, un arco litoral conformado polas rías de Ferrol, Ares- Betanzos e A Coruña, e designado xa polo xeógrafo Estrabón no século I .aC. como Portus Magnus Artabrorum. A mirada pérdese nos afastados cabos Prioriño e Prior, entre as brumas mariñas, se ben a lenda di que dende estas costas pode divisarse Irlanda.

Camiños de Santiago

Camiño Inglés
Arriba