CAPELA DE SAN PAIO DE ENTRECRUCES

Relixioso
1140

Localización

Parroquia: Entrecruces (San Xens)

Lugar: San Paio

15109  Carballo - A Coruña

Coordenadas:
43º 07' 23.2" N - 8º 40' 58.2" W

Descrición

A capela de San Paio, situada nunha fermosa paraxe natural de ribeira, preto da fervenza de Entrecruces, é das máis antigas do noso termo municipal. O máis destacado desta capela, datada no s. XVI, é a súa bóveda de cruzaría, tan característica do gótico, cos seus arcos cruzados en forma de estrela dividida en oito partes. Aínda que o gótico é propio do baixo medievo, esta igrexa é posterior, o que demostra a prolongación deste estilo en Galicia. O seu retablo, renacentista, é tamén excepcional, pois a maioría das igrexas e das capelas galegas son barrocas. Recentemente restaurado, parece ser que ten unha antigüidade de ao menos 400 anos e conta aínda con outra curiosidade pouco habitual: unha pintura sobre táboa. 
O estilo renacentista tamén se aprecia na porta da súa fachada, con arco de medio punto contorneado por doelas, que é como se lle chama a cada unha das pedras que conforman os arcos. 
Esta capela acolle, todos os 15 de xaneiro, unha concorrida romaría, moi coñecida polas persoas das parroquias veciñas, con cancións para as e os romeiros. Mesmo existe a muiñeira de San Paio de Entrecruces.

Acceso

Desde o núcleo municipal, tome a DP-1914 e percorra 10 quilómetros aproximadamente ata o lugar de Sabadín, alí tome o desvío á esquerda na indicación da fervenza de Entrecruces. Logo de 750 metros, atopará a capela de San Paio de Entrecruces.

Estilos

Gótico
Barroco
Arriba
Axúdanos a mellorar!