IGREXA DE SAN MIGUEL DE GOIÁS

Relixioso
765
No Camiño de Santiago

Localización

Parroquia: Goiás (San Miguel)

Lugar: A Igrexa 23

36510  Lalín - Pontevedra

Coordenadas:
42º 40' 50.9" N - 8º 05' 29.2" W

Descrición

A igrexa é unha xoia románica do século XII. Conserva desta época varios elementos. A portada principal composta por tres arcos, os laterais cegos e o central abucinado con dúas arquivoltas de medio punto que descansan sobre columnas acaroadas con capiteis de grandes follas coas puntas dobradas formando volutas.

A porta lateral dunha arquivolta decorada con bolas que descansa en dúas columnas con capiteis de follas, o tímpano está decorado con cinco pequenos arcos. A ábsida, semicircular está dividida en tres partes por columnas que chegan ata a cornixa.

Presenta cornixas con canzorros en naveta tanto nos muros coma na ábsida. No interior o arco triunfal de medio punto apoiase en columnas de capiteis con grandes follas coas puntas dobradas facendo de volutas e bases decoradas con arcos.

Chaman a atención as dúas capelas anexas da época renacentista, que na parte exterior presentan os escudos de armas de prominentes liñaxes da comarca, e no interior enterramentos das casas de García-Sánchez e Beilás. Estas capelas non restan, senón que acentúan o carácter románico rural galego, do cal esta igrexa é un magnífico expoñente.

Acceso

Dende Lalín coller a N-640 en dirección Agolada/Lugo. Dende a rotonda inferior do centro comercial Deza, percorrer 1,4 quilómetros ata atopar, á dereita, o desvío cara a igrexa. Collelo e seguir durante 500 metros ata atopar un cruceiro, á esquerda. Coller ese desvío por enriba do cruceiro. A igrexa atópase 160 metros despois.

Camiños de Santiago

Camiño de Inverno
Vía da Prata

Estilos

Románico
Renacentista
Arriba