Para chegar a esta fervenza, iremos primeiro ata A Estrada para coller a EP-7001 ata Forcarei. Dende alí continuaremos ata o lugar da Graña, onde deixaremos o coche para seguir a pé. Debemos cruzar a aldea e coller un camiño que discorre inicialmente por unha zona aberta e despois por un bosque de carballos e castiñeiros onde o sendeiro está algo perdido pola abundancia de vexetación.
Seguimos baixando e comezamos a escoitar o murmurio da auga. Unha vez no río atopamos unha ponte de pedra pola que cruzamos para continuar pola marxe dereita. Agora o camiño volve ser visible e levaranos ata un pequeno lago artificial e, xusto debaixo, aparece unha fervenza que xurde do desaugadoiro do mesmo. Esta non é a fervenza que buscamos, polo que seguiremos camiñando 100 metros máis ata poder ver o salto de auga principal que, se é impresionante dende arriba, aínda o é máis dende abaixo.
O salto de auga, duns 20 metros de altura, está no río Porto, afluente do río Deza. Estamos no corazón da serra do Candán.
IMPORTANTE: a falta de sinalización complica a chegada ata a fervenza. Ademais, en épocas de abundantes chuvias, podemos atopar treitos asolagados e esvaradíos, polo que debemos extremar a precaución.