CAPELA DA SAGRADA FAMILIA

Relixioso
1064
No Camiño de Santiago

Localización

Parroquia: Olveira (Santa María)

Lugar: Campelos

15969  Ribeira - A Coruña

Coordenadas:
42º 36' 21.9" N - 9º 01' 38.9" W

Descrición

A capela, coñecida popularmente como a capela de Xesús, María e Xosé, pertence ao pazo de Gayoso, aínda que se atopa fóra do recinto e separada por unha pequena pista. Erixiuse nese lugar debido a que alí había dúas sobreiras que haberían de protexela, e dos cales só se conserva unha.

A capela, de grande encanto e sinxeleza, é de planta rectangular cunha única nave dividida en dous tramos por un arco de medio punto apoiado en dúas pilastras pegadas ao muro. A cuberta é a dúas augas con tella curva do país e os seus muros son de cadeirado de granito. Dous pequenos vans ábrense a cada lado do presbiterio. A fachada, segundo as características da bisbarra, é dunha grande sinxeleza simétrica. Iníciase cunha porta rectangular sen decoración, sobre a mesma unha fornela, contendo un relevo en granito da Sagrada Familia, moldurada e rematada por un arco rebaixado que se coroa cunha cruz rematada en volutas. A continuación ábrese un óculo abucinado e no vértice unha peaña sostén a espadana do campanario que está formada por dous machóns unidos por un arco de medio punto que remata nun frontón curvo. No interior consérvase un pequeno retablo rococó bastante deteriorado.

Acceso

Dende Ribeira, tomaremos a estrada xeral C-550 en dirección a Porto do Son e Noia. A uns 5 km chegamos ao cruce de Oleiros. Tomaremos a pista da esquerda que indica Corrubedo. A uns 2 km chegaremos ao lugar de Bretal. Aquí tomaremos a pista á dereita cara a Campelos. Uns metros despois de pasar o lugar de Campelos veremos á esquerda o Pazo e, a continuación, á dereita, a capela.

Camiños de Santiago

Ruta do Mar de Arousa e Ulla
Arriba
Axúdanos a mellorar!