CASA DO SEÑORÓN

Civil
11

Localización

Parroquia: Ourol (Santa María)

Lugar: Chao de Ourol

27865  Ourol - Lugo

Coordenadas:
43º 33' 25.6" N - 7º 38' 31.3" W

Descrición

Casa Indiana, de estilo arquitectónico: Eclecticismo en clave pintoresca.
Tamén coñecida como "a Casa das Palmeiras", esta vivenda foi construída nos anos 30 por José García Rodríguez, alcumado "O Señorón", nome co que era coñecido o promotor desta vivenda, emigra a Arxentina xunto cun irmán, que tamén constrúe a súa vivenda a escasos metros desta.
A construción do inmoble corre a cargo de “Trasancos de Merille”, quen ao parecer executouna a partir dunha fotografía da morada que o dono tiña en Arxentina. Esta casa tamén é coñecida como “a casa das palmeiras” xa que estas álzanse como elementos fundamentais da composición.
É un edifico de planta rectangular con dous pisos de altura e unha baixo cuberta. A esta sinxela composición encóstase un corpo frontal que alberga a entrada principal do inmoble; destacan os elementos orientalistas que se constatan na cuberta deste corpo: formada por tres faldóns, un deles centrado e vertindo as augas á fachada principal, salienta o trazado dos seus beirados lembrando o teitume dunha pagoda.
A vivenda constitúe un dos mellores exemplos de arquitectura residencial indiana do municipio de Ourol. O edificio álzase sobre un pedestal; á vivenda accédese a través dunha gran escalinata flanqueada por dous xardíns que albergan senllas palmeiras cuxo orixe se remontan á época de construción da vivenda e cuxas sementes se trouxeron expresamente de Cuba. A propiedade está rodeada por un muro que se catalogou no seu momento como un dos máis bonitos da zona debido ás flores coloreadas das enredadeiras que colgaban sobre a pedra.
Arriba